Nos 131,7 kilómetros con saída e chegada en Verín os corredores rebaixaron o horario máis rápido establecido pola organización e rodaron a unha media de 42,5 Km/h. O portugués Luis Mendonça (Spol-Concello do Porriño) comezou a apuntalar o seu liderado nas Metas Volantes ocupando a primeira posición no paso puntuable por Laza (km.19). A continuación estableceuse a primeira fuga da xornada con Sergio Pérez e Elías Tello (Kuota-Construcciones Paulino) y Joao Matías e David González (Supermercados Froiz).
Pérez, líder da Montaña, foi o primeiro no Alto de Alberguería (km.32), de 2ª categoría. Ao cuarteto de cabeza, que manexaba unha vantaxe de 45 segundos, uniríanse Diego Noriega (Polartec-Fundación Contador) e Antonio Angulo e Óscar Linares (Gomur). A falta de entendemento neste grupo provocou que foran neutralizados no kilómetro 40.
O pelotón rodou compacto ata a ascensión de Cualedro (km.70). Nesta subida de terceira categoría dezasete corredores marcháronse por diante, entre eles o líder Blanco, nunha selección na que o Supermercados Froiz contaba con cinco representantes. Pérez volveu ser o primeiro no premio da Montaña e na Meta Volante de Oímbra (km.97) tamén repetía Mendonça.
As ramplas de Vilardevós, coa súa cima a 16 kilómetros da meta, racharon definitivamente a carreira. Miguel Buhmann (Kuota-Construcciones Paulino) e Pedro Gregori (Aluminios Cortizo) foron os primeiros en atacar e con eles conectarían Tello e Daniel Domínguez (Supermercados Froiz). Por detrás, Blanco amosábase sólido e non cedía máis de 25 segundos respecto ao cuarteto que coroaba con Gregori ao fronte.
No descenso as distancias reducíronse e Jurado saltou dende o grupo perseguidor. O manchego contactou coa cabeza e atacou en solitario a falta de cinco kilómetros. Demostrando as súas dotes de contrarreloxista venceu en Verín con 15” de diferencia sobre Mendonça e Tello, que deron tempo a un grupo de nove no que o líder entrou dous segundos cortado
Última etapa
Ao desenlace da Volta, Blanco preséntase cunha marxe de 23” segundos con Jurado, 35” con Gregori, 47” con Buhmann e 58” con Domínguez. O corredor do Club Ciclista Rías Baixas tamén é o primeiro Sub-23 e o mellor galego. Na clasificación por equipos manda o conxunto asturiano Kuota-Construcciones Paulino, Mendonça na das Metas Volantes e Pérez na da Montaña.
O portador do maillot amarelo defenderá o primeiro posto nas estradas do sur da provincia de Pontevedra polas que habitualmente adestra. A etapa O Porriño-O Porriño de 122,5 kilómetros presenta dúas Metas Volantes, Maceira (km. 74) e Ponteareas (km.96), e catro portos puntuables: Abelenda de 3ª (km. 4,5 e 112,5), Xunqueiras de 2ª (km.44,3) e Estacas de 2ª (km. 61). O bandeirazo de saída está programado para as 10:30 horas e a chegada a partir das 13:20 horas.