Foi o triunfo da xuventude dun corredor que é o actual campión de Galicia Sub23 e dun equipo, o Club Ciclista Rías Baixas, que irrumpiu neste categoría hai catro temporadas. O manchego Marcos Jurado (Supermercados Froiz) e o valencián Pedro Gregori (Padronés-Aluminios Cortizo) acompañaron no podio ao ciclista de Redondela, o mesmo concello no que naceu o seu director Marcos Serrano, vencedor da Volta a Galicia para profesionais en 1999, e Enrique Salgueiro, o último galego que gañara esta carreira no 2009, hai sete anos.
O portugués Francisco Campos (Moreira Congelados) adxudicouse a quinta e última etapa no esprint dun grupo de 28 unidades. Os primeiros clasificados da xeral chegaron case todos xuntos despois de 122 kilómetros de percorrido, con inicio e final no Porriño, nos que o Supermercados Froiz intentou dinamitar a carreira dende o bandeirazo de saída.
No kilómetro 4,5 coroábase o primeiro dos catro portos puntuables da xornada, o Alto de Abelenda de terceira categoría, e pola súa cima o líder da montaña Sergio Pérez (Kuota-Construcciones Paulino) pasou por diante de Joao Matias e David González (Supermercados Froiz). Xunto a estes tres corredores puxeron terra de por medio Josu Urrestarazu (AMPO), Jesús Nanclares (Club Ciclista Rías Baixas), Daniel Domínguez e Sergio Míguez (Supermercados Froiz), Óscar Linares (Gomur), Ignacio Piquero (Bicicletas Rodríguez), David Francisco (Kuota-Construcciones Paulino) e Daniele Cantoni (Polartec-Fundación Contador).
Cambio de líder virtual
O mellor situado na xeral de todos os fugados era Domínguez, a 58 segundos do maillot amarelo, e neste grupo ía acompañado por outros tres representantes do Supermercados Froiz. Non tardou en situarse como líder virtual e despois de superar o Alto de Xunqueira de 2ª categoría, no que González puntuou en primeira posición, a diferencia alcanzou os dous minutos e vinte segundos. Mentres no pelotón, o cuarto na xeral Miguel Buhmann (Kuota-Construcciones Paulino) intentou un ataque dende lonxe, pero atopou a resposta de Blanco e o seu equipo.
A diferencia dos escapados comezou a baixar e estabilizouse nos dous minutos antes de que Domínguez ocupara a primeira posición no Alto de Estacas, de 2ª categoría, e González na Meta Volante de Maceira. Preto dos últimos 30 kilómetros, o Supermercados Froiz perdeu dous efectivos no grupo dianteiro. Míguez e González quedáronse e tamén se descolgou Nanclares, compañeiro do líder. Na Meta Volante de Ponteareas, onde Matias fixo primeiro, o marxe xa era menor dun minuto e medio.
Esprint no Porriño
A partir de ese momento rematou o entendemento e comezaron os ataques na fuga co pelotón tendo a situación case controlada. Linares intentouno en solitario, pero no Alto de Abelenda, último porto do día, a súa vantaxe era tan so de dez segundos. A súa neutralización tivo lugar a dez kilómetros para a chegada e nas rúas do Porriño o portugués Campos foi o máis rápido batendo a Diego Sevilla (Polartec-Fundación Contador) e Daniel Sánchez (Bicicletas Rodríguez). Blanco tamén entrou levantando os brazos como gañador da volta.
Cun tempo total de 13:11:34, o corredor do Club Ciclista Rías Baixas fíxose co amarelo con 23 segundos de marxe respecto a Jurado e 35 sobre Gregori. Ademais, o redondelán recibiu os maillots de mellor sub23 e primeiro galego. Como vencedor por equipos subiu ao podio o Kuota-Construcciones Paulino asturiano, que tamén se anotou a Montaña con Sergio Pérez, mentres que nas Metas Volantes se impuxo Luis Mendonça (Spol-Concello do Porriño).
A entrega de premios contou coa presenza de José Ramón Lete Lasa, director xeral para o deporte da Xunta de Galicia; Chelo Besada, deputada de Deportes da Deputación de Pontevedra; Eva García de la Torre, alcaldesa do Porriño; Manuel Carrera, tenente alcalde do Porriño; Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo; e Álvaro Pino, que foi homenaxeado ao longo desta volta polo 30 aniversario da súa vitoria na Vuelta a España.