O proxecto de Xisela Franco foi seleccionado como a proposta gañadora da convocatoria de axudas de produción Artistas 2015, unha iniciativa conxunta da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e o Marco. A convocatoria tiña como obxecto a realización dunha exposición individual como parte da programación do Anexo do Marco en 2016, concretamente o ciclo Problemáticas comisariado por Chus Martínez Domínguez.
Esta convocatoria de apoio á produción enmárcase no proxecto de visibilización Artistas, que a Unidade de Igualdade ven desenvolvendo dende o ano 2011. Unha iniciativa destinada a apoiar ás mulleres que desexan comezar a súa andaina no campo da arte, facilitando a súa incorporación ao espazo artístico profesional, buscando novas redes de difusión, promovendo e dando visibilidade aos seus traballos, dadas as maiores dificultades que teñen respecto aos seus compañeiros. Esta é a primeira ocasión na que o proxecto se concreta en axudas á produción.
A cineasta Xisela Franco (Vigo, 1978) pertence á nova xeración de creadoras que experimentan de xeito libre, diverso e sen prexuízos as metamorfoses do cinema, indagando na intersección cinema-arte contemporánea. Nesta a súa primeira exposición individual, convida ao público do museo a ser espectador de cine, a contemplar o tempo desde a temporalidade propia, a través dunha proxección en tríptico de oito horas de duración, con planos de cámara estática sobre unha paisaxe costeira.
«Interior, exterior, durante» é un proxecto fundamental na busca emprendida por Xisela Franco para situarse nas marxes dos procesos creativos e expositivos que acompañan ao cinema e á arte, a través dunha cuestión tan complexa como é o tratamento e representación do tempo. Unha viaxe emocional e poética a través de interferencias persoais e creativas, que documentan simultaneamente a contorna interior e exterior da artista: modos de estar no mundo, de observalo, documentalo e interpretalo. Tempo, lugar e acción na problemática da vida.
Trátase dunha película-instalación de 8 horas de duración que mostra un día de contemplación dunha paisaxe costeira galega dende o balcón dunha casa. No visual, unha fiestra ao exterior feita de imaxes meditativas do ámbito dun destino vacacional xunto ao mar, Baiona e a súa ría, presentado en forma de tríptico. No son, o off suxire un espazo fóra de campo que humaniza as estampas marítimas con gravacións cotiás do interior do fogar onde un bebé, a filla da autora, evoluciona na súa aprendizaxe cognitiva dende os 0 aos 3 anos. Se no visual se sucede un día completo, no sonoro desprégase un arquivo cronolóxico de momentos da crianza. O íntimo e o interior do fogar rodean a paisaxe exterior. O invisible dá sentido ao visible, e o audio confróntase coa imaxe para abrazala e outorgarlle concreción e sentido.
A película foi realizada expresamente para o Marco e instálase nun espazo-cuarto onde se dispoñen dúas fontes sonoras: unha próxima ao fondo da sala onde se sitúa a ventá, o balcón, que reproduce o son ambiente da paisaxe exterior; e outra máis próxima ao centro do cuarto, que alude ao interior do fogar que acolle e educa a un novo ser.