As respostas a estas cuestións, nunha linguaxe clara, sinxela e directa, están ao alcance de toda sociedade a través dunha iniciativa de divulgación científica na que participan 25 universidades de toda España, entre elas a de Vigo. O obxectivo de La universidad responde é pór a disposición da sociedade unha serie de microespazos en formato vídeo nos que un representante da comunidade universitaria responde unha pregunta de interese xeral. Para a segunda edición deste programa, a Universidade Vigo elaborou dez pezas audiovisuais de algo máis un minuto nas que docentes de diferentes áreas achegan respostas a preguntas como: Que é o fitoplancto?; Rouban postos de traballo os robots industriais?; Que son os paraísos fiscais?; De que depende a pendente dunha praia?; Cantas cousas caben na nube?; Que é o raccord?; Pódense escoitar as cores?; Por que existen as flores?; Que é o TTIP? e Falan os animais igual en inglés que en español?
A Universidade de Vigo xa participara na primeira edición en 2012 cunha serie tamén de dez capítulos. O vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, encargouse da coordinación de contidos mentres a realización técnica correspondeu ao persoal técnico de UvigoTV. O vicerreitor explica que “as universidades públicas teñen a función de difundir o coñecemento dentro da sociedade na que están inseridas e iso é o que se pretende conseguir con este proxecto, facer chegar ao gran público respostas de calidade, cunha base científica incuestionable, a temas de interese xeral e de candente actualidade”. Para facer a selección de temas combinouse a identificación deses temas a través da relación dos académicos coa cidadanía e da análise dos medios de comunicación (tanto tradicionais como os novos medios e redes dixitais) cos campos de investigación do persoal docente e investigador interesado en participar, apunta o responsable universitario.
Xunto con Fernández Iglesias, uníronse a esta iniciativa os profesores Jaime Aneiros, profesor de Dereito tributario; José Antonio Lamas, da Facultade de Bioloxía; José B. Díez Ferrer, do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio; Aday Jiménez, Departamento Dereito Público; Miguel Ángel Nombela, Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio; Paulino Pérez, profesor de Comunicación Audiovisual e realizador de TV; Emilio Marañón, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal; José Ignacio Armesto, do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática e Jorge Luis Bueno, do Departamento de Inglés, Francés e Alemán.
Espallar a ciencia e abrir as portas dos laboratorios á sociedade
Luis Pena, técnico de UvigoTV, explica que as pezas teñen unha duración de entre 90 e 120 segundos, nas que os docente responde, nun plano medio, á cámara á pregunta asignada. “A súa explicación está reforzada por imaxes de recurso como apoio audiovisual. Cada vídeo responde ao plantexamento dunha necesidade en forma de dúbida, pregunta ou inquedanza que aparece nun rótulo sobreimpreso”. A finalidade é que estas cápsulas audiovisuais se poidan difundir en diferentes ámbitos, e con diferentes grupos sociais como público obxectivo, xa que recollen temas de interese xeral, cun tratamento accesible para todos os niveis educativos. Así, trátase de que estes microespazos científicos axuden a mellorar a relación da sociedade coa comunidade científica e a mellorar o seu nivel de coñecemento e competencia. Ao tempo tamén se fomenta a interacción dos investigadores e investigadores co eido da comunicación, de xeito que poden comprobar a reacción do público fronte ás súas propostas, e reciben información sobre que temas interesan máis á sociedade.
Manuel Fernández Iglesias, como un dos docentes participantes en La Universidad Responde II recoñece que “como académico, supón unha experiencia moi interesante, xa que esixe explicar de maneira accesible ao gran público e nun curto espazo de tempo algo que ten unha complexidade técnica moi importante”. En calquera caso, considera que “é unha experiencia moi enriquecedora ter a oportunidade de dirixirse a un público que está máis aló das paredes da aula na que habitualmente se imparten as clases, aínda que sexa unicamente por algo máis dun minuto”.
Unha porta aberta a futuras colaboracións
Ademais da plataforma propia de La Universidad Responde, cada unha das universidades participantes pode publicar e difundir estes vídeos a través dos seus propios repositorios e plataformas audiovisuais, tanto a súa produción propia como a do resto das universidades participantes. Tamén existen, como adianta Pena, conversas con RTVE para a difusión a través do ente público das pezas por separado ou ben aproveitando diferentes partes das mesmas para un formato derivado.
Por outra banda, e a partir do éxito da primeira edición de La Universidad Responde e da colaboración entre universidades nesta segunda edición, estase analizando a posibilidade de poñer en marcha outros proxectos colaborativos entre os servizos audiovisuais das universidades adscritas, como por exemplo a serie transmedia Universidad y Sociedad ou un magazine de ciencia e cultura universitaria referente ao cambio climático.
Texto orixinal: M. del Río (Duvi)