A Xunta trasladoulle este venres ao alcaldes de Cangas e Moaña que este fin de semana haberá cortes no Corredor do Morrazo. A titular de Infraestruturas en funcións, Ethel Vázquez, informou de que, tras as voaduras das semanas pasadas, se detectou que nese noiro en concreto o terreo está a reaccionar de maneira diferente ao inicialmente previsto. Ante esa situación, adoptouse a decisión primeira de acometer de forma preventiva estes traballos de estabilización, que farán necesario cortar o tráfico no corredor.
Sinalou que para iso se procurou minimizar a afección ao tráfico polo que se decidiu realizar os traballos na xornada do sábado, cando habitualmente menos coches circulan por esa vía, e se empezarán as tarefas a primeira hora, ás 8 da mañá, para rematalas en canto sexa posible, no entorno das 8 da tarde.
Vázquez subliñou que ante calquera incidencia para a Xunta «a alternativa é sempre a seguridade» e así o seguirá sendo durante toda a execución das obras. Por ese motivo, indicou que, ademais destas tarefas de estabilización, se decidiu continuar as obras de desdobramento noutros puntos da traza para, mentres tanto, estudar con detemento a situación do noiro e a maneira de actuar sobre o mesmo.
Segundo dixo a conselleira en funcións, existe unha alta probabildade de que este comportamento do terreo se reproduza durante as voaduras necesarias nalgún punto do treito 2, que se iniciarán nas vindeiras semanas”.
A responsable de Infraestruturas do Goberno galego dixo que “estamos ante unhas incidencias derivadas do avance das obras nun terreo tan peculiar como o do Morrazo, e somos conscientes de que os usuarios se verán afectados polas consecuencias e traballamos para reducir as molestias”, adoptando as decisións necesarias desde a prudencia e desde a prioridade absoluta da seguridade.
Por último, subliñou que “confiamos en que cando estea rematada esta infraestrutura tan agardada polos veciños do Morrazo, as súas vantaxes nos axuden a esquecer pronto estas molestias”.
O corte de tráfico que se realizará este sábado afectará ao treito do corredor do Morrazo comprendido entre os PK 0+000 e 0+600. Os desvíos serán os seguintes en sentido Cangas-Vigo, onde o tráfico desvíase polo enlace de Meira-Marín pola estrada EP-1102 ata a PO-551, e en sentido Vigo-Cangas, con desvíos no enlace de Rande pola PO-551.
Ademais, o vindeiro luns realizaránse novas voaduras noutros puntos da traza que obrigará a realizar cortes de tráfico puntuais en diferentes momentos do día. Estes cortes para voladuras ordinarias estarán debidamente sinalizados e o tráfico regularase de xeito manual.