A acción, enmarcada na política de «Un Nigrán para todos», consiste na construción de aseos accesibles en Praia América, Patos, Area Fofa e Madorra e en habilitar un itinerario de entrada ao areal de Praia América mediante pequenas placas de formigón prefabricado e desmontable.
Estas obras terán que ser na súa totalidade feitas con cargo ao orzamento municipal despois de que o Concello se vira na obriga de renunciar a unha subvención de 29.000 euros da Xunta ao impor o organismo autonómico un prazo de xustificación materialmente imposible de cumprir. Así, o 27 de setembro chegou ao consistorio a aprobación da axuda, documento onde se indica que antes do 31 de outubro deben estar xustificados os investimentos subvencionables, algo legalmente imposible porque os propios prazos legais de contratación son maiores. «Non se entende que den tan pouco tempo, pedimos máis e non nolo concederon, así que faremos unha modificación orzamentaria para costealo todo dende o Concello porque cremos neste proxecto, é fundamental non so por accesibilidade, se non tamén por calidade turística e imaxe do municipio», explica o alcalde, Juan González, quen considera as obras «unha prioridade do goberno local enmarcada na política de ‘Un Nigrán para todos'».
Unha das liñas de actuación que se levará a cabo é a instalación de aseos accesibles por 27.000 euros, xa que na actualidade Praia América e Patos contan con aseos prefabricados aos que se unen WC portátiles nos meses de verán. O obxectivo agora é a construción de novos servizos hixiénicos nestes dous areais e en Area Fofa e Madorra, onde non había. Serán de madeira, con sanitarios antivandálicos e catro deles contarán cun aseo accesible de uso mixto e outro estará dotado con tres aseos (homes, mulleres e un válido para persoas con discapacidade)
Por outra banda, actualmente as catro entradas a Praia América se atopan en area, sen ningún tipo de firme, polo que impide o acceso en cadeira de rodas, por iso o obxectivo é habilitar un dos itinerarios con ramplas a base de pezas de formigón prefabricadas e desmontables, para o que se destinan 18.000 euros.
O compromiso do Concello de Nigrán coa accesibilidade vai máis alá de facer beirarrúas. Así, dentro do proxecto «Un Nigrán para todos», recentemente habilitáronse semáfornos con sinal acústica que se activa por bluetooth, dotouse ao Consistorio dun bucle de inducción magnética que inhibe ruídos de fondo ás persoas con problemas de oído ou se sinalizou a planta baixa con pictogramas de fácil comprensión, ademáis de por varandas en certas rúas, crear máis zona de aparcamento para discapacitados.