O rexedor destacou que «Balbino veu a Vigo para quedarse e quedar ao lado do seu pai e alma creadora» presidindo a entrada da biblioteca cunha figura de pedra realizada pola Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra, tras a sinatura dun convenio de colaboración entre ambas institucións.
O alcalde dixo sentirse honrado coa presenza no acto de Chus Neira, sobriña do escritor que leu un fragmento da obra, e do presidente da Fundación Neira Vilas, Luis Reimóndez. Ademais, puxo en valor a figura de Neira Vilas como «escritor universal» co mérito de tomar referencias da súa cultura para exportalas ao resto do mundo, como é o caso dos labregos protagonistas deste libro. Así, destacou que «as raíces de Vigo tamén están na cultura tradicional e no mar, na agricultura e no mar».
Pola súa banda, Silva destacou que a figura de “Balbino” non podía estar en mellor lugar que na porta da biblioteca “que evita que existan moitos outros neno labregos sen acceso aos libros e a cultura”. “Balbino hoxe, coa a súa sorriso da intelixencia natural, nos recorda –subliña Silva- que temos avanzado moito para que todos e todas teñan acceso a cultura e a educación, pero aínda nos queda moito”.
A presidenta da Deputación quixo tamén recordar que con este pequeno acto se rende tamén un homenaxe a Xosé Neira Vilas “que fixo que a nosa lingua foxe máis grande do que cada un a sentimos e, hoxe a súa alma e as súas obras forman parte de todos os galegos e galegas”.
A escultura ten 1,5 metros de altura e esta feita en granito salvaxe, e representa ao protagonista da novela “Memorias dun neno labrego” e o seu can “Pachin”. A obra está baseada nun debuxo de “Balbino” proposto por un amigo persoal de Neira Vilas, o ceramista e pintor galego Xosé Vizoso. É obra dun ex-alumno da Escola de Cantería da Deputación, Rubén Gil Rodríguez e ten aproximadamente unhas 250 horas de traballo.