A Corporación Pleno reclamará aos Goberno Central e Autonómico, ao Ministerio de Fomento e á propia concesionaria a que leve a cabo, de forma urxente, as actuacións necesarias para a consideración de vía urbana do tramo da AP9 comprendido entre o nó da Avenida de Bos Aires e a rúa Alfonso XIII, realizando os accesos necesarios e minorando o impacto acústico da mesma.
O concelleiro David Regades defendeu na exposición da moción, aprobada pola unanimidade da Corporación, que é unha demanda da «colectividade de Vigo» e unha «necesidade real» así como unha demanda antiga para a que chegou «o tempo dos feitos», confiando en que o novo Goberno Central sexa capaz de cumprir coa conversión do tramo en urbano e de facer dúas rotondas na zona da Avenida de Bos Aires.
O edil popular, José Manuel Figueroa reclamou que na moción se incluíran outras infraestruturas como o túnel de Julián Estévez sen conseguir o apoio dos outros dous grupos. Rubén Pérez de Marea de Vigo, esixiu prazos e presupostos concretos para desenvolver as obras necesarias e incidiu na petición da transferencia a Galicia da autopista.
Aumento das viaxes do Imserso desde Vigo
Por unanimidade quedou aprobada tamén a moción presentada polo grupo do PSdG-PSOE instando ao Goberno Central a adoptar as medidas necesarias para garantir que dende o Imserso se reverta a inaceptable decisión de reducir os voos con saída dende o aeroporto de Peinador do programa de turismo 2016-2017.
A concelleira Laura Iglesias expuxo que para esta temporada hai programados 38 voos desde Vigo, fronte aos case 100 do ano anterior, o que supón unha oferta de 5.000 prazas fronte ás 28.000 do pasado exercicio. Sinalou o agravante de que o Imserso só oferta na provincia traslados a Santiago desde Pontevedra, obrigando aos maiores a ter que desprazarse con medios propios ata Pontevedra ou mesmo Santiago para coller os avións, prexudicando a milleiros de usuarios de Vigo e da súa contorna e discriminando á terminal olívica.
A proposta socialista acadou o apoio dos grupos da oposición malia que o popular Diego Gago sinalou que a decisión dos voos non é política senón das axencias de viaxes e que Rubén Pérez de Marea de Vigo apuntou que tamén hai que formalizar unha queixa sobre a xestión do programa de vacacións de maiores.
Auditorio Mar de Vigo
Pola súa banda, a proposta de Marea de Vigo para que fose creada unha comisión especial de investigación sobre o Auditorio Mar de Vigo e tódolos contratos foi rexeitada cos votos del grupo socialista.
Rubén Pérez, voceiro da Marea, advertíu de que nos últimos exercicios o Concello aporta 500.000 euros directamente á empresa contratada pola concesionaria para xestionar a actividade cultural e actualmente «preténdese desembolsar maís de 800.000 euros nun aluguer para as instalacións da UNED».
Dende a banca socialista, Carlos López Font asegurou que o Auditorio «funciona de maravilla» e os 14 votos do goberno local impediron aprobar unha proposta que si acadou o apoio do Partido Popular.