En concreto, a través deste convenio está previsto levar a cabo accións de promoción turística e medio ambiental coa catalogación de sendeiro azul da provincia, traballos de sinalización (sinais informativas de identificación, destino ou das rutas), consolidación de infraestruturas co obxecto de cumprir os requisitos esixidos pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) así como a instalación de mobiliario que se adecúe ós espazos, percorridos e as súas peculiaridades. O prazo límite para executar estas actuacións é o 31 de decembro de 2016.
A Presidenta da Deputación subliñou na firma do convenio que hoxe un dos motivos polos que se visita a cidade de Vigo ten que ver cos seus valores medio ambientais e que polo tanto as Administración teñen que ter as infraestruturas en condicións. “Os turistas non so veñen en verán a desfrutar das praias temos que contribuír a desestacionalizar o turismo con novas ofertas de turismo medio ambiental”.
Carmela Silva destacou que a aposta por Vigo é total e que tras quince meses “a Deputación de Pontevedra mira de fronte a Vigo a non lle da as costas como ate de agora”. Na mesma liña pronunciouse o alcalde de Vigo, que salientou que “agora a Deputación está tratando a Vigo como se merece sen que elo supoña restar a ningún outro concello da provincia”.
Tanto a Deputación como o Concello de Vigo están comprometidos co aumento e optimización de infraestruturas e servizos que, conservando o seu patrimonio natural, permitan mellorar a calidade de vida presente e futura tanto dos seus e das súas residentes como de aquelas persoas que escollen Vigo como destino do seu ocio.
Pontevedra é a provincia española con maior número de sendeiros azuis recoñecidos, un total de 11 situados nos concellos de Baiona, Bueu, Cangas do Morrazo, A Guarda, A Illa de Arousa, Marín, Nigrán, Ponte Caldelas e Vigo.
Estes roteiros constitúen itinerarios e elementos paisaxísticos que contribúen ao uso sostible do litoral e desempeñan unha función social importante. Son elementos vertebradores para o desenvolvemento, saúde e benestar do conxunto da sociedade
A Deputación busca promover o desenvolvemento sostible destes roteiros das zonas litorais mediante unha xestión integrada que poña en valor os valores naturais, históricos, culturais e etnográficos que conforman o patrimonio litoral da provincia.