Dende os servizos técnicos do Concello se deseña esta acción formativa a tenor das características das industrias de Porto do Molle co obxectivo de adaptar a man de obra dos veciños ás posibles demandas laborais deste polígono. O Concello inviste 12.200 euros nesta acción formativa que non terá ningún custe para o alumnado, polo que supón unha inmellorable ocasión de ampliar o currículo e, con elo, as oportunidades laborais.
O alumnado adquirirá os coñecementos teórico/prácticos do proceso de soldadura semiatumática MAG-MIG e poderá ser acreditado a través das correspondentes homologacións da European Welding Engineer (EWF). A actividade terá unha duración de 270 horas nas que se inclúen módulos específicos de prevención de riscos laborais e de prácticas en empresa, e ten previsto o seu inicio o 28 de novembro.
As persoas interesadas deben inscribirse entre o 14 e 18 de novembro (ambos incluídos) cubrindo a instancia que estará a súa disposición no Rexistro, no Centro Antena de Nigrán, no Departamento de Desenvolvemento Local e na páxina web deste concello www.nigran.org e achegando toda a documentación complementaria. Os aspirantes que cumplan os requisitos serán convocados a un exame realizado pola empresa docente que se anunciará nos distintos taboleiros municipais e que está previsto para o martes 22 de novembro en instalacións municipais.
Para máis información, os interesados poden contactar co Departamento de Desenvolvemento Local (986 365000) e co Centro Antena (986366572) ou a través do correo electrónico tle.nigran@nigran.org ou orlaboral@nigran.org facilitando o teléfono de contacto.