En total van participar nas “DEPOrte Escolas” desta modalidade deportiva 2.695 nenas e nenos de quince concellos da provincia (Cangas, Gondomar, A Guarda, Lalín, Mondariz, Mos, Poio, Ponteareas, Rodeiro, O Rosal, Silleda, Tomiño, Tui, Valga e Vigo) con idades comprendidas entre os 5 e os 15 anos, á espera de que en vindeiras datas outras das “DEPOrte Escolas” de balonmán solicitadas poidan chegar ao mínimo de alumnos e alumnas requirido e polo tanto se incorporen paulativamente ao cadro de escolas en activo. O ano pasado foron 2.600 os nenos e nenas participantes nesta modalidade, o que supón un incremento de case 100.
Este ano, como novidade principal ademais do cambio de imaxe e denominación das escolas deportivas para convertelas nas “DEPOrte Escolas”, mudou o seu funcionamento co obxectivo de dotalas de transparencia e unha maior participación, respectando á vez a autonomía municipal ao non competir coas escolas deportivas xa postas en marcha nos concellos da provincia. Este renovado programa busca a implantación igualitaria e equilibrada no territorio, a promoción do deporte base, un maior incremento da oferta de iniciación á práctica deportiva, a garantía de que cheguen aos concellos disciplinas deportivas sen oferta neles, que as nenas e nenos poidan acceder ao deporte e, finalmente, a consolidación de todas as escolas que se vaian creando nos distintos concellos.
Este esforzo por converter as escolas nunha iniciativa máis transparente e participativa, impulsando actuacións de comunicación coa finalidade de achegar a información sobre as escolas ás familias, ANPAS e concellos, xa está a dar os seus froitos. De feito, este curso 2016/2017 houbo outras once solicitudes máis para pór en marcha “DEPOrte Escolas” de balonmán que o ano pasado, sumando ás tres de Vigo e á de Silleda iniciadas outras tres máis de Vigo e unha de Baiona, Campo Lameiro, Crecente e Meis.
As “DEPOrte Escolas” da Deputación de Pontevedra ofertan as modalidades deportivas de balonmán, fútbol, taekwondo, patinaxe, judo, rugby, marcha, piragüismo e baloncesto. A súa implantación terá lugar de forma progresiva, a medida que a institución provincial teña a todas as nenas e nenos inscritos nas diferentes modalidades, de modo que se as solicitudes de “DEPOrte Escolas” de balonmán non iniciadas chegasen ás 15 persoas inscritas se incorporarían á quenda. Ata o de agora, ademais das “DEPOrte Escolas” de balonmán xa comezaron as de patinaxe, judo, rugby, fútbol, marcha e taekwondo.