No Torreiro das Angustias atópase a capela e o centro cultural, polo que existe moito tránsito de camiñantes que ata agora non tiñan un paso de peóns que conectase directamente a estrada principal co lugar. Por outra banda, os dous pasos situados no cruce con Val Miñor (sitos en Otero Pedrayo e Rúa dos Pazos) foron reubicados e rebaixados nas beirarrúas para outorgarlle accesibilidade e mellorar a seguridade (estaban pintados demasiado enriba da Avenida, por onde circulan vehículos a maior velocidade).
«O obxectivo de todas estas actuacións é priorizar a mobilidade peonil sempre coa máxima seguridade e atendendo as necesidades daquelas persoas que padecen algún tipo de discapacidade, por iso teñen que ser sempre solucións accesibles para todos, como exemplo, os pasos do cruce con Avenida Val Miñor non estaban rebaixados na beirarrúa», explica o rexedor, Juan González. De feito, nesta mesma estrada e nas máis transitadas do núcleo urbano o Concello instalou semáforos intelixentes para persoas con problemas de visión.
A colaboración entre a administración local e a autonómica xa permitiu recentemente dar resposta a demandas históricas coma os novos pasos de peóns en estrada pola vía ou a Foz ou a mellora da seguridade no entorno de Escolas Proval.