Un total de 23 prazas -18 de quenda libre e 5 na quenda de mobilidade- para a Policía Local foron convocadas este lunes polo Concello de Vigo. Segundo informou o rexedor, Abel Caballero, o prazo de presentación de solicitudes para concorrer finaliza o 7 de decembro, estando dispoñible a lista provisional de admitidos a finais de ano, de maneira que a previsión é que o primeiro exame poida realizarse ao final do mes de xaneiro de 2017. Caballero salientou que o proceso permitirá incorporar novos efectivos á policía local que desenvolve un «magnífico traballo en Vigo».
O alcalde vigués lembrou que como presidente da FEMP segue «na batalla» para conseguir a xubilación anticipada aos 60 anos para 70.000 policías locais de toda España, un proceso no que o Ministerio de Traballo está poñendo «serios obstáculos». Lembrou Caballero que esta é unha demanda do corpo da Policía Local e conta co visto bo da FEMP, sendo os Concellos os que asuman o gasto desas xubilacións «practicamente na súa totalidade», polo que instou á Ministra a que «resolva este problema».
Tamén quedou aprobada na Xunta de Goberno a subvención de 50.000 euros a favor do Club Deportivo Valladares para a reforma do alumeado no campo de fútbol da Gándara-Valladares, co fin de que consigan o dobre de iluminación, e unha subvención para a organización do Festival SINSAL de 10.000 euros.