Estas actuacións foron realizadas nos portos de Bueu, Cangas, Marín e Moaña atendendo ás liñas estratéxicas de crecemento, sustentabilidade, eficiencia e das Tecnoloxías da Información e da Comunicación e a pesar das condicións orzamentarias que esixía o contexto económico do momento e de atender as obras que xurdiron con motivo dos temporais. Desenvolvéronse cunha planificación coa vista posta, entre outros aspectos, en acadar novos tráficos e reforzar os existentes no eido das mercadorías. Tamén en conseguir novos tránsitos e atraques para a náutica deportiva e a captación de máis descargas doutras comunidades autónomas e países no eido da pesca e do marisqueo.
Nunha análise por municipios, os portos de Bueu recibiron investimentos en infraestruturas portuarias por valor de preto de 618.000 euros e máis de 140.300 a maiores para actuacións menores, destacando as obras de mellora peonil e acceso ao porto por importe de 340.000 euros. En Cangas investíronse máis de 178.500 euros nas grandes infraestruturas e máis de 220.400 a maiores en obras menores e a actuación de maior importe foi a instalación da barreira fixa de atenuación de oleaxe no porto de Aldán.
Polo que respecta ao municipio de Marín, investíronse máis de 230.200 euros en obras maiores, destacando a instalación de pantaláns no porto de Aguete – de máis de 158.500 euros- e preto de 50.000 euros máis en actuacións menores. Finalmente, en Moaña realizáronse neste período investimentos en grandes infraestruturas portuarias por valor de 1,3 millóns de euros, entre os que destaca o acondicionamento do acceso ao porto de Meira, con 750.000 euros de orzamento, e máis de 79.400 euros máis en obras menores.
Máis tráficos, tránsitos e valor
Estas accións favoreceron a recuperación e estabilidade dos tráficos dos portos autonómicos, os tránsitos no eido da náutica deportiva e a facturación das vendas da pesca e do marisqueo. De feito, nos 9 primeiros meses de 2016 o tráfico portuario de mercadorías nos peiraos de titularidade autonómica rexistrou un incremento interanual de máis dun 7% e no no eido da náutica deportiva rexistrouse un incremento interanual das embarcacións en tránsito de máis dun 9% durante o primeiro semestre de 2016, en relación ao mesmo período do ano anterior. En canto á pesca e ao marisqueo, a mellora nas instalacións de atraque e nas lonxas favoreceu un incremento de facturación no 2016, o mellor ano dos últimos 20.