O arquipélago, situado fronte a costa de Monteferro, forma parte da Rede Natura 2000 polo seu gran interese natural, científico e paisaxístico, sendo un punto de aniñamento de aves con gran riqueza subacuática. «As Estelas son as grandes esquecidas e por iso dende o goberno levamos todo o ano 2016 traballando para por en valor este triángulo máxico que forma parte de Nigrán (Monteferro-Estelas-Panxón). O obxectivo é que sexa un reclamo e referente máis do municipio. É un enclave privilexiado que ningún goberno aproveitou. Nós trasladaremos todo este traballo a eventos como Fitur e organizaremos moitos máis roteiros e actividades relacionadas de cara ao verán», explica o alcalde, Juan González.
As xornadas, que arrancan o venres ás 18.00 horas, serán inauguradas polo rexedor para continuar coa proxección do traballo fotográfico tomado na zona polo «Colectivo Latente» (un grupo de 11 recoñecidos artistas afincados na comarca que plasman nas súas imáxes unha visión persoal da contorna). Posteriormente terá lugar a interveción do xornalista náutico Juan Caballero; o técnico de conservación do Parque Nacional Illas Atlánticas Vicente Piorno; o arqueólogo José Carlos Sánchez Pardo e finalmente Gustavo Adolfo Garrido, do Instituto Pro-Patrimonio Galego. Todos eles aportarán a súa visión técnica sobre os recursos desta zona.
O broche final a esta xornada do venres a porá o estreno do documental «Stelas, as illas próximas», realizado polo cineasta galego Borja Brun e que condensa en 10 minutos de filme a beleza do entorno das Estelas-Monteferro-Panxón mediante imaxes aéreas, terrestres e subacuáticas. Un traballo que se moverá nas redes sociais e se levará a Fitur o vindeiro ano. «É unha visión artística do autor que non fai máis que reflectir a espectacularidade deste espazo», sintetiza González.
As xornadas continuarán o sábado 19 na súa vertente práctica. Así, realizarase unha andaina interpretativa por este triángulo máxico para todo aquel que esté interesado en coñecer o lugar. O punto de encontro será ás 11.00 horas no arco visigótico de Panxón e durante aproximadamente 2 horas percorrerase os diferentes puntos de Monteferro. O roteiro é de dificultade media-baixa, axeitado para todo tipo de público. É preciso levar roupa e zapato axeitado.
O Concello programará máis actividades interpretativas na zona de cara á primavera-verán, tanto terrestres como marítimas, ampliando así o traballo iniciado o ano pasado xunto ao Instituto de Estudos Miñoranos, cando se iniciaron as xeiras en barco pola bahía.
«Ímonos volcar neste espazo para promocionalo e o vindeiro ano continuaremos co Esteiro da Foz co obxectivo de que sexa declarado espazo Ramsar», finaliza González.