O convenio coa Xunta de Galicia para incluír o Transporte Municipal mosense no Transporte Metropolitano será levado a aprobación ao vindeiro Pleno ordinario da Corporación Municipal que se celebrará o luns 26 de decembro para que poida facerse efectivo a comezos do ano que ven, no mes de xaneiro de 2017.
As representantes municipais destacaron os bos resultados que está a rexistrar a liña azul do bus urbano do Concello de Mos, que alcanzou unha media de 50 usuarios diarios; mentres que fai un mes (a mediados de novembro) a media rexistrada nesta liña era de entre 10 e 20 viaxeiros/as ao día.
Os cambios proxectados para a liña verde en aras de mellorar o índice de uso da mesma, e consistentes en acortar e reducir o tempo para aumentar a afluencia de usuarios, (xa que se detectou que non era operativa xa que duraba máis dunha hora), entrarán en vigor en xaneiro xunto co convenio entre Xunta e Concello para integrar o bus urbano no Transporte Metropolitano.
O principal erro detectado na liña verde é, como se dixo, o tempo de percorrido, que motiva a pouca demanda da devandita liña.
Os estudios técnicos e a comisión de seguemento para mellorar o servizo de bus urbano emiten cada mes un novo informe de uso das distintas liñas, incluso das paradas máis utilizadas; e en maio de 2017 farase unha posta en común e unha valoración fundamentada no uso do servizo para plantexar entón a posibilidade de que o bus urbano de Mos chegue a puntos que agora mesmo non están incluídos como Amieirolongo, a zona comercial de Sanguiñeda, así como tamén unha posible ampliación de horarios.
Melloras no servizo
A mediados do pasado mes de novembro anunciáronse melloras no recentemente estreado bus urbano de Mos (empezou a funcionar o pasado 24 de outubro) que, xunto co de Vigo, é o único da Área Metropolitana. Estas melloras entrarán en vigor en xaneiro, unha vez asinado o convenio entre Xunta e Concello para integrar o bus urbano no Transporte Metropolitano.
A concelleira mosense de Mobilidade Kely Monzón, aproveitou hoxe para anunciar que entre finais deste mes e principios do mes que ven os veciños e veciñas de Mos recibirán nos seus domicilios un folleto informativo no que se detallan os cambios e melloras nas dúas rutas do bus urbano, así como todos os horarios de cada unha das paradas.
Unha moi importante incorporación do bus urbano na liña azul é que recolle á xente das parroquias mosenses de Tameiga, Guizán, Torroso, Dornelas, Mos e Louredo e as deixa en Peinador para que poidan coller o Vitrasa a Vigo, así como tamén recolle aos universitarios para deixalos en Puxeiros e que poidan coller a lanzadeira que os leva á zona do CUVI (que conta cunha expedición de ida en horario de mañá e dúas de volta: unha pola mañá e outra pola tarde). Aspectos estes que antes xa se contemplaban pero tan só na liña verde e agora faise nas dúas: verde e azul.
No caso da liña verde redúcese o tempo do traxecto de 1 hora 15 minutos a 55 minutos. Para acortar tempos o que se fixo foi trasladar parte da ruta á estrada PO-331 que vai de Porriño a Gondomar. Antes a liña introducíase polo interior das parroquias de Cela e Pereiras e agora evita esas voltas transcurrindo pola estrada Porriño-Gondomar.
E por último, por unha razón de operatividade, hai dúas paradas na parroquia de Petelos que antes estaban na liña verde e que agora pasan á azul que son: Camiño das Barxas (Capela de San Amaro) e Camiño das Barxas (Porteliña).
Finalmente Monzón destacou outra importante mellora que é a gratuídade do servizo de bus urbano para os menores de 19 anos, aprobada xa no Pleno do pasado mes de novembro.