Tras a celebración da Xunta de Goberno Local deste venres, o alcalde informou da aceptación da subvención europea de 15 millóns para o proxecto Vigo Vertical, fondos que se engadirán aos 3,5 millóns que adicará o Concello para levar adiante unha «acción histórica na cidade»: intervencións no Monte do Castro, no eixo da Gran Vía, no casco histórico, na estación do AVE e no entorno afectado polo peche do Hospital Xeral.
O Concello ampliará o Vigo Vertical -o proxecto municipal para salvar as pendentes na cidade empregando medios mecánicos- a estes espazos da cidade, tras o que o rexedor vigués anunciou que «tamén haberá máis novidades en Venezuela e na Porta do Sol».
Caballero concretou a proposta viguesa para a Gran Vía. O goberno que preside dotará de medios mecánicos ao bulevar central, facendo posible chegar en dous minutos do centro á Praza de España, «eliminando todas as interseccións e trazando un esquema de prazas no percorrido que fará un Vigo novo».
O goberno de Vigo procura así a recuperación deste espazo central de Gran Vía, que agora ten un uso ornamental e practicamente sen utilización cidadá. A acción neste vial vigués será un «cambio radical» que posibilitará a «recuperación» do centro da Gran Vía, concluíu Caballero.
Outros acordos
O alcalde vigués deu conta ante os medios doutros dous puntos aprobados na sesión deste venres, como son a concesión de 7.000 euros a distintas entidades para o fomento de actividades xuvenís e o abonamento dos gastos de comunidade nas vivendas que dispón o Concello de Vigo para a protección de vítimas de violencia machista.
Segundo expuxo Abel Caballero, o goberno de Vigo conta con tres vivendas para este fin, con ata dezanove prazas para mulleres da cidade e de toda Galicia. «É a nosa achega para toda Galicia, a xenerosidade de Vigo para toda Galicia», indicou.