Uns 200 corredores participarán nesta decisiva proba que se celebra na antesala do Campionato de Galicia (31 de decembro) e dos Campionatos de España (6-8 de xaneiro). O espectacular escenario do evento organizado polo Clube Ciclista Maceda será o circuito ao carón do Castelo construído no século XI. Un trazado que se achega aos 2,5 kilómetros de lonxitude.
O programa de competición do IX Ciclocross Concello de Maceda-Copa Deputación de Ourense arrancará ás 09:45 horas coa carreira de Promoción. Ás 10:00 tomarán a saída os rapaces e as rapazas cadetes, os Máster-40 e os Máster-50/60. Ás 11:00 entrarán en escena as mulleres Elite e Sub23, as júniors e os Master-30. O peche correrá a cargo dos Elite e Sub23 masculinos e os júniors a partir das 12:00 horas.
A emoción é máxima, sobre todo, na resolución das categorías inferiores. Nos ránkings cadetes o conxunto anfitrión aspira ao título tanto na táboa masculina como na feminina, pero en ambas está obrigado a remontar. Nos rapaces Mario Fernández (O Rosal) defenderá 38 puntos de vantaxe sobre Carlos Canal (Academia Postal-Actyon-MMR) e nas rapazas Andrea García (Cambre) 40 respecto á local Noela Saa (Academia Postal-Actyon-MMR).
Aínda máis axustada é a pugna nos júniors, con Pablo Álvarez (Cambre) aventaxando en dez puntos a Jorge Suárez (Cidade de Lugo). Nesta carreira tomará a saída Iván Feijóo, o corredor da estructura de Maceda que vén de acadar a novena praza na Copa do Mundo de Namur.
Outras clasificacións que tampouco están sentenciadas son a Máster-30, con Andrés Calvete (Cambre) superando en 80 puntos ao seu compañeiro Luciano Carretero, e a Máster-40 con Manuel Armada (Asociación Galega) cunha renda de 70 puntos sobre Guillermo Álvarez (Fornelos).
Na categoría raíña masculina, o líder Mauro González (Salvaterra) preséntase con 80 puntos de colchón respecto ao seu compañeiro Samuel González, que buscará prolongar a súa formidable xeira de cinco triunfos consecutivos. Unha das grandes atraccións nesta carreira será a presenza de Óscar Pereiro, gañador do Tour de Francia 2006.
Pola súa banda nas mulleres Elite e Sub23, Isabel Castro (Fornelos) rubricou o título despois de acadar a súa sexta vitoria parcial o pasado domingo no Porriño. Os outros rankings que tamén están decididos son o junior feminino, con Sara Trigo (Cidade de Lugo) como campioa, e o Máster-50/60 dominado por Javier de la Fuente (Betanzos).