Durante o ano 2016 a Deputación de Pontevedra destinou a Mos un total de 1.320.743,26 €, dos cales 888.114,43 € se corresponderon co “Plan Concellos 2016”. Ademais, a institución provincial investiu 77.000 € en mobilidade, 117.000 € en cohesión social e xuventude, 34.000 € en cultura e lingua, 104.000 € para o fomento do emprego, 22.000 € para o impulso do deporte e outros 14.500 € para a igualdade entre mulleres e homes.
En concreto, a través da liña 1 do “Plan Concellos”, investíronse 540.751,14 € para o desenvolvemento de accións de mantemento de reparación de instalacións deportivas na piscina Óscar Pereiro, o proxecto básico e a execución da rehabilitación dunha construción como ludoteca en Louredo, un muro de pedra para contención e a humanización do Camiño das Pozas. Ademais, 121.000 € para sufragar gastos correntes a través da liña 2, 33.304 € na liña 3 para o financiamento da Cabalgata de Reis, a Festa da Rosa, o entroido ou o programa “Mos familiar”, entre outras actividades e, grazas á liña 4, creáronse 20 postos de traballo nos servizos municipais, cun investimento de 192.761,22 €.
Á marxe do “Plan Concellos 2016”, Mos recibiu 34.389,12 € para o fomento da cultura e a lingua na vila, con preto de 70 actuacións do Pontegal e do Ano Castelao e axudas para a sinalización do patrimonio histórico-cultural e a dinamización lingüística. Tamén se destinaron 116.879,78 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais comunitarios e especializados, as axudas básicas de emerxencia e o servizo de teleasistencia domiciliaria (do que se benefician 28 persoas) ou ben mediante os programas “En Ruta coa Depo”, “Depo en marcha”, “DepoTermal”, “Tecendo lazos” e “Depo Aventura A Lanzada”, no que participaron 32 nenas e nenos do concello.
Do mesmo xeito, Mos recibiu 22.177,70 € para o deporte federado de base, a copa de fútbol Deputación de Pontevedra, actividades deportivas e as “DEPOrte Escolas” de fútbol (tres) e balonmán (outras 6), así como 104.251,68 € destinados ao fomento do emprego a través dos Plans de Práctica Laboral, que están a permitir que catro persoas poidan desenvolver a súa primeira experiencia laboral no concello de Mos e, outras sete, no seu tecido empresarial. Tamén se achegaron 14.503,60 € para o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a través do programa “Conectadas 2016” e das axudas aos concellos de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero, e a Deputación de Pontevedra investiu, do mesmo xeito, outros 77.180,35 € en materia de mobilidade, en concreto para as obras de sinalización horizontal e o “Plan Móvese”.