As xogadoras saíron, igual que na semifinal, moi metidas no partido dende o principio fronte a un durísimo rival coma Euskadi. Nestes primeiros minutos houbo intercambio de goles entre os dous equipos e así chegouse ao minuto 5 con 2-3 a favor de Galicia. A defensa branquiazul e a meta Lucía lograron impoñerse ao ataque vasco e as distancias foron aumentando ata os tres goles no minuto 13 (5-8), o que provocou o primeiro tempo morto de Euskadi para buscar solucións en ataque contra esa boa defensa. A charla do seleccionador vasco deu resultado e Galicia comezou a sufrir, mentres que as vascas ían marcando ata acadar o empate (10-10, min. 18).
Agora foi o momento para Abel Estévez. O tempo morto do seleccionador galego xurdiu efecto e chegou a reacción galega, que volveu a axustar a defensa dificultando o ataque vasco, mentres que seguía moi efectiva en ataque. Así, no minuto 25, Galicia mandaba 11-14 e no tramo final as distancias creceron cunha magnífica defensa (11-17, descanso).
E comezou a segunda parte coas mesmas boas sensacións coas que rematara a primeira: paradón de Lucía e gol de Galicia. As rapazas de Abel Estévez parecían imparables e o marcador referendou as magníficas sensacións na pista (min. 35: 12-20) , mentres que Euskadi baixou os brazos incapaz de frear ao conxunto galego. Nos primeiros dez minutos do segundo tempo só foi capaz de marcar un tanto (min. 40: 12-3).
O seleccionador vasco buscou unha reacción cun cambio de defensa (individual sobre Cecilia e Alicia), pero non había solución. Lucía seguía imbatible e as xogadoras vascas tiñan moitos problemas para superar á defensa das nosas galegas. Así, os últimos dez minutos foron un simple trámite (min. 25: 20-29) e só falta saber por canto ía gañar Galicia. Ao remate: 23-33.
Euskadi, 23: Maddi Aalla, Ane del Noyo (2), Nora Kortabarna (2), Uxue Ezkurdia (2), Silvia Aderra (3), Nora Azurmendi, Esther Arrojeria (3), Sara Garrido, Alba Menéndez (3), Martane Etxeberria (3), Nerea Arregi (1), Ane Artola, Leire Aramendia (1) e Jéssica Nogales (3).
Galicia, 33: Lucía Vázquez, Xeila Fervenza (1), Alicia Fernández (9), Laura Rúa, Carla Rivas (2), Cecilia Cacheda (4), Iris Sanjuan, Andrea Dapena (4), Alba Dapena (4), Gemma Martínez, Lorena Pérez (3), Sandra López, Sarai Samartín (5) e Lara Patiño (1).
Árbitros: Carles Luque e Ignasi Pascual. Excluíron 2 minutos a Nora e Alba Menéndez (2) por Euskadi e a Alba Dapena (Galicia).
Incidencias: Final do Torneo IV Nacións. Pavillón Municipal de Granollers. Ao remate do partido entregáronse os trofeos e Sarai Samartín foi elixida mellor xogadora da final, mentres que Alicia Martínez recibiu o trofeo de mellor xogadora do torneo.