«Do total da poboación da área sanitaria de Vigo que podían elixir a Povisa como centro de referencia para atención especializada – 71.039 usuarios- tan só solicitaron o cambio 3.215 persoas, o que representa o 3,1 por cento. Así, as solicitudes de cambio para recibir atención hospitalaria no centro concertado diminuíron nun 52 por cento con respecto ao ano anterior, no que rexistráronse 6.548», informa o Sergas nun comunicado.
Destas 3.215 solicitudes -engade o Servizo Galego de Saúde- foron autorizadas todas excepto as últimas 177, desestimadas por ter acadado este hospital a cifra tope de 139.000 pacientes que establece o concerto asinado polo Sergas con este centro sanitario. «O criterio empregado para esta desestimación foi a orde cronolóxica; isto é, as peticións de cambio non autorizadas corresponden ás presentadas o último día do prazo oficial estipulado, o 30 de novembro», engade a Xunta.
Como conclusión, trala Resolución do Servizo Galego de Saúde do 17 de outubro de 2016, que regulaba o procedemento para que os beneficiarios da Seguridade Social de determinados centros da área sanitaria de Vigo puidesen elixir libremente hospital durante o plazo legalmente establecido, 3.038 cambiaron a Povisa e 779 ao Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, sendo o saldo final de 2.259 pacientes incorporados ao centro concertado.
«Polo tanto, en resumo, a poboación da área de Vigo asignada ao centro sanitario Povisa, con data 1 de decembro é 139.000 persoas. Hai que subliñar que os cambios de Chuvi a Povisa prodúcense no ámbito de residentes no perímetro deste hospital, mentres que os cambios de Povisa ao Chuvi concéntranse fundamentalmente nos usuarios da comarca de Val Miñor e Coruxo», explica o Sergas.
Nicolás Peña e Pintor Colmeiro
Este ano, o Servizo galego de Saúde continúa ofrecendo a opción de elixir cambiar de hospital aos usuarios dos mesmos centros que o pasado ano, incluíndo Nicolás Peña e Pintor Colmeiro, que xa habían sido autorizados no mes de febreiro
Esta decisión adoptouse tendo en conta a súa ubicación e facilidade de acceso alegada pola poboación deste centros que solicitaba o cambio. Estes centros veñen a sumarse aos que xa tiñan cupos con Povisa como referencia hospitalaria: Rosalía de Castro-Beiramar, Coia, Coruxo, López Mora e Navia. A istos, hai que engadirlles os cidadáns dos concellos tradicionalmente asignados a Povisa, os das comarcas de e O Morrazo e Val Miñor
Dereito á libre elección
O concerto vixente establece que anualmente se abrirá un novo período para exercer o dereito de libre elección de centro, que vai dende o 1 ata o 30 de novembro de cada ano.
O cambio de hospital é efectivo no momento en que o usuario presenta a súa solicitude e é adscrito polo Sergas. A petición leva implícita a súa permanencia ata a apertura do seguinte período anual no que de novo poderá exercer o seu dereito de libre elección.