O máster 30 Andrés Calvete, o elite Mauro González, o cadete Carlos Canal, a muller Desirée Duarte, o sub23 Samuel González e o júnior Iván Feijóo formaron o sexteto dirixido polos seleccionadores Xosé Anxo Vidal e Guillermo Sande, un equipo que superou por apenas 2” ao conxunto valenciano e por 6” ao vasco. Nas nove edicións anteriores desta proba, que se disputa dende o 2008, Galicia acadara seis medallas, pero nunca lograra subir ao máis alto do podio.
O asturiano Mario Junquera e o vasco Jokin Alberdi, ambos sub23, levaron ás súas seleccións a liderar a carreira na primeira remuda. A Comunidade Valenciana e Galicia, con Andrés Calvete, pasaron a 12 e 15 segundos, aínda que a selección que máis remontou no segundo xiro foi Madrid, co seu elite Carlos Hernández, que cun tempo de 5:24 (o mesmo que Junquera) poñíase en cabeza, seguida a pouca distancia dos galegos, con Mauro González, e os asturianos, aínda que ao inicio do terceiro xiro o cadete ourensán Carlos Canal poñía ao seu combinado ao fronte da proba.
A metade de carreira, Galicia levaba 5” a Comunidade Valenciana e 14” a Euskadi, que aos poucos se ían mostrando como as máis fortes. A selección laranxa, co seu cadete Cabedo distanciouse na cuarta volta en 19” de Madrid e en 23” de Asturias e Galicia. Esta boa posta de Desirée Duarte ratificou as opcións dos galegos.
A continuación, as remudas de Mauro González e de Murias puxeron novamente a galegos e vascos por diante, separados por apenas oito segundos, aínda que a valenciá Alba Teruel mantivo o tipo, co que a selección anfitrioa só cedía 12”. Máis emoción imposible, entre as tres seleccións que xa se albiscaban como máximas candidatas ao podio.
Na última remuda, nin a experiencia do elite Larrinaga, nin o brío do sub23 Orts, autor da volta rápida, puideron co júnior Feijóo. O corredor alaricano, que marcou un tempo de 5 minutos e 28 segundos, desatou a euforia entre a delegación galega tras entrar triunfal na liña de meta.
“Tiñamos moitas ilusións este ano, xa que sabiamos que tiñamos un equipo moi forte, aínda que o percorrido podía xogarche unha mala pasada”, comentou Guillermo Sande, mentres que Feijóo engadía que “para min non era ningunha responsabilidade, xa que tamén fora o último na remuda de BTT. Sabía que estaba forte e os meus compañeiros fixeron unha gran carreira”.
Carreiras do sábado
Os Campionatos de España Loterías de Ciclocross celebrarán este sábado a súa primeira xornada de probas individuais nas que participarán doce corredores da selección de Galicia. Javier de la Fuente, medalla de prata o pasado ano, será o seu representante na carreira Máster-50 (9:30 horas).
Ás 12:00 horas disputaranse todas as carreiras femininas con Carla Fernández, Andrea García, Noela Saa, Aida González e Antía Martinez nas cadetes; Sara Trigo nas júniors; e Irene Trabazo e Desirée Duarte nas sub23. Ás 14:30 Andrés Calvete tomara a saída na competición Máster-30 e a última cita do día será a sub23 masculina con Raúl Fernández e Samuel González.