O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos lembrou que a ampliación da autoestrada AP-9 “afectaba gravemente a distintos enclaves do concello de Redondela, como o Colexio Igrexa, os accesos a Trasmaño ou os restos históricos da fortaleza de Rande”. “Porén, estes problemas foron minimizándose gracias, fundamentalmente, ao bo facer do equipo Goberno municipal de Redondela”, apuntou.
Alberto Pazos manifestou que “unha das cuestións máis preocupantes para os veciños de Redondela é o incremento do tráfico rodado consecuencia desta ampliación, o que conleva un aumento do ruído”. Por este motivo, a Comisión de Seguimento das obras, impulsada polo Concello e na que están representados os grupos municipais, as asociacións de veciños, o Ministerio de Fomento e Audasa, adquiríronse os compromisos de dotar dun asfaltado especial para absorber o ruído na capa de rodadura e dotar de pantallas antirruído.
“Estas medidas paliarían de maneira importante os prexuízos derivados do aumento do tráfico, especialmente se o alcalde de Vigo cumpre finalmente a súa ameaza de impedir o tráfico pesado pola rúa Sanxurxo Badía”, indicou.