A iniciativa, na que colaboran a Xunta, o Consorcio Zona Franca de Vigo, Cegaa e PSA busca ser un centro de referencia internacional capaz de dar resposta aos desafíos globais da industria automobilística. Os proxectos seleccionados na primeira edición achegan propostas concretas en eidos como o vehículo eléctrico e en aspectos da industria 4.0 como a loxística, a robótica colaborativa, a automatización ou a internet das cousas. Estas iniciativas xorden, tal e como lembrou Conde, das universidades, dos centros tecnolóxicos e das propias empresas, que están xerando spin outs.
O conselleiro resaltou que estas iniciativas recibirán un apoio único, que vai máis alá da formación, a titorización e o financiamento, xa que a Business Factory Auto é pioneira pola súa natureza vertical, concentrando a capacidade innovadora dun só sector; integral, apoiando desde as fases iniciais do proxecto ata a súa consolidación; estratéxica, porque a automoción é clave para Galicia e pola presenza de PSA, e aberta, xa que é apoiada tanto pola Xunta como polo clúster, centros tecnolóxicos, a industria tractora e a industria de compoñentes.
A Business Factory Auto, que prevé mobilizar investimentos por máis de 20 milóns de euros ata 2020, pon en valor o traballo de toda Galicia para que a automoción galega siga á vangarda, apostando pola innovación e a Industria 4.0. Un traballo no que, subliñou Conde, xa están inmersos Balaídos e a industria de compoñentes, Ceaga e CTAG.
No marco da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 e a RIS3, a Xunta acompaña o sector con iniciativas como as oito unidades mixtas de investigación, o Concurso de Ideas Industria 4.0, no que Ceaga lidera un proxecto, a Captación de Investimentos 4.0, así como impulsando os novos investimentos e facilitando o acceso ao solo empresarial.