Coma explicou López-Chaves, e tras a reunión mantida o pasado mércores entre a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e os alcaldes do Morrazo, o reforzo responde á solicitude feita polos rexedores e trátase dunha nova ambulancia asistencial de soporte vital básico do 061 que operará de 9 a 23 horas. Deste xeito, o servizo pasará a contar con tres unidades asistenciais durante o peche do corredor do Morrazo ata finais do mes de febreiro por mor das obras de conversión en autovía.
Durante o pasado ano 2016, recibíronse na Central de Coordinación da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 un total de 15.848 chamadas procedentes de Cangas e Moaña, o que supón unha media de 43 chamadas diarias. Destas chamadas, 7.257 foron de demanda, orixinando así 6.644 procesos asistenciais. Deles, o 58,4% precisaron a mobilización de recursos e, coma informou o delegado, se mobilizou unha ambulancia medicalizada en 109 ocasións -34 no Concello de Cangas e 75 no de Moaña- mentres que na maioría dos casos se mobilizaron ambulancias asistenciais de soporte vital básico.
Máis frecuencias do barco Vigo- Moaña
Por outra parte, e tal e como se comprometera a conselleira de Infraestruturas a semana pasada, a Dirección Xeral de Mobilidade autorizou este mediodía a ampliación das frecuencias do barco entre Moaña e Vigo. Este incremento de servizos ten como obxectivo minimizar a afección do peche do corredor do Morrazo por mor das obras de construción da autovía que está a levar a cabo o Goberno galego. Co aumento das viaxes, a Xunta pretende facilitar os desprazamentos dos veciños desta comarca, ofrecendo máis alternativas e fomentando o uso do transporte público.
A ampliación das frecuencias de barco contempla 14 viaxes máis entre Moaña e Vigo, incluíndo, de luns a venres, 4 desprazamentos máis a primeira hora da mañá e última da tarde. Así, dende Moaña auméntanse os servizos ás 7.30, 8.30, 19.30 e 20.30 horas; e dende Vigo, ás 8, 9, 20 e 21 horas. Ademais, os sábados, o barco ampliará o servizo cunha viaxe de ida e volta ás 15 horas dende Moaña e ás 15.30 dende Vigo; e os domingos haberá dous itinerarios dende Moaña ás 12 e 19 horas, e dende Vigo, ás 12.30 e 19.30 horas.