Abel Caballero explicou este mércores que, tras o informe favorable ao proxecto de ampliación do IFEVI, o Concello vén de solicitar á Xunta de Galicia a declaración de urxencia da expropiación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de forma simultánea á aprobación definitiva do mesmo. A finalidade desta demanda é «aforrar tempo».
Coa declaración de urxencia e namentres o goberno autonómico desenvolve o proxecto definitivo das obras, o Concello poderá iniciar a tramitación das expropiacións de modo que, cando estea aprobado o proxecto, se poidan acometer «e como imos solicitar a ocupación directa dos terreos, iremos a uña de cabalo». Así segundo o alcalde, «chegaremos a tempo» para a seguinte cita de CONXEMAR no mes de outubro.