Carmela Silva subliñou a importancia da Copa Deputación para a provincia de Pontevedra “porque case a metade das licencias de fútbol de Galicia están aquí, o que demostra a importancia deste deporte para a nosa provincia”. Amais, a Presidenta da Deputación destacou que “a través desta Copa pretendemos impulsar tanto o deporte de base como o fútbol feminino e promover a práctica deportiva, porque é un xeito de mellorar a saúde, de inculcar valores positivos e poñer sobre a mesa instrumentos que contribúan a que todas as persoas convivan nun mundo máis cohesionado”.
No transcurso da reunión entre a Presidenta da Deputación e os representantes da Federación Galega de Fútbol de Pontevedra e Vigo acordouse que o sorteo das eliminatorias teña lugar o 16 de febreiro en Vigo e o 17 en Pontevedra e que a X Copa Deputación de Pontevedra comece a disputarse durante a semana do 6 de marzo. Tamén se estableceu que a final deste ano teña lugar nalgún campo de fútbol da zona xestionada pola delegación de Pontevedra da Federación Galega de Fútbol. Amais, e co fin de poder beneficiar en maior medida ós clubs de fútbol máis modestos, acordouse que a Deputación de Pontevedra se encargue do pago da arbitraxe dos clubs locatarios eliminados na primeira fase da décima copa.
Durante o ano pasado participaron na IX Copa Deputación de Pontevedra máis de 18.000 persoas e déronse cita máis de 1.000 equipos de todas as categorías. En concreto, participaron máis de 100 equipos de primeira liña, 25 equipos femininos e na copa de base máis de 900 en todas as categorías.