«Queremos que o Día de Rosalía teña o seu eco en Vigo», aseverou Caballero tras avanzar as propostas elaboradas polo Concello para conmemorar o 24 de febreiro.
Este sábado, 18 de febreiro, o goberno local organiza un paseo literario polo Vigo de Rosalía, un percorrido que partirá da oliveira do Paseo de Alfonso ás 11 horas. De cara á próxima semana, a programación contempla unha charla sobre a figura da escritora -baixo o título «Vigo, capital do Rexurdimento. Os cantares de Rosalía», a cargo de Xurxo Martínez- e a proposta educativa «Recitando a Rosalía», na que alumnado de ESO de centros educativos vigueses lerán un manifesto e recitarán os seus poemas.
Tamén a próxima semana o Concello encherá os paneis publicitarios da cidade con versos de Rosalía de Castro e as pantallas dos autobuses urbanos da cidade proxectarán os seus escritos o día 24.