“Tanto a reducción do tempo de execución como as melloras incorporadas son posibles grazas a un control exhaustivo por parte da dirección técnica da obra coma do equipo de goberno”, valora Juan González, alcalde de Nigrán, quen incide en que todo estará dentro do orzamento previsto de 422.271 euros (a cargo do remanente de 2015). “Somos conscientes do gran esforzo que están a facer os clubes ao non poder adestrar no pavillón e das incomodidades que isto lles supón, pero podo garantirlles que ese esforzo pagará a pena porque en tres meses regresarán a unhas instalacións moi renovadas e acordes aos criterios técnicos e de confortabilidade actuais», engade o rexedor, quen considera que se trata dunha “obra imprescindible para Nigrán e para os deportistas e usuarios do pavillón”.
Así, o polideportivo vive a súa primeira remodelación en tres décadas de historia, polo que se trataba dunha instalación que presentaba carencias relativas á normativa de seguridade e accesibilidade que agora serán solventadas. Para isto, entre outras medidas, eliminaranse os sobresaltos, converténdoos en ramplas accesibles, crearanse percorridos acondicionados e reformarase un dos locais para albergar os vestiarios adaptados. En prol da mellora da seguridade, limitarase o aforo e incorporaranse as instalacións contra incendios axeitadas. Ademais, sinalizaranse os percorridos de evacuación e reformaranse as saídas de emerxencia.
Así mesmo, renovaranse as instalacións de fontanería e electricidade, introducirase un novo sistema de ventilación en todos os espazos do pavillón e aproveitaranse os espazos existentes, e no graderío situaranse novos asentos.
En canto á estética do interior, para renovar a súa faciana e outorgarlle un aspecto de conxunto homoxéneo, entre outras intervencións, cambiaranse os pavimentos e carpinterías, como o da pista deportiva, que contará cun novo pavimento sintético e un mural, imaxe e símbolo da imaxe actualizada pavillón.