Asemade, asistiu ao encontro unha nutrida representación de distintas entidades locais das dúas vilas, coma centros educativos de distintos niveis, asociacións culturais, deportivas, veciñais, xuvenís, artísticas, de persoas con discapacidade, etc.; forzas de seguridade e técnicos dos dous concellos, interesados en facer unha posta en común das necesidades e recursos de cada quen, co fin de contribuír a unha maior integración dos municipios na Euro-Rexión, e ao deseño de proxectos conxuntos que poidan presentarse a convocatorias de programas europeos.
Neste terceiro encontro, abordáronse temas coma a posibilidade de realizar accións pedagóxicas comúns entre as comunidades educativas das dúas localidades (visitas e intercambios escolares, visitas a museos, competicións deportivas, etc.). Neste punto púxose de manifesto a necesidade de solventar previamente problemas burocráticos de permisos e autorizacións legais que existen na actualidade, e dificultan a organización de actividades compartidas.
Outro ámbito no que se acordou traballar de maneira conxunta é o do voluntariado; tema máis desenvolvido no lado galego, ao parecer, polo que a concelleira de Cultura de Cerveira, propuxo aproveitar a experiencia dos veciños tomiñeses, lembrando a importancia de planificar de forma coordinada accións culturais, comerciais, de promoción do patrimonio, de eliminación de barreiras arquitectónicas, etc.
Coordinar as accións culturais, festivas, musicais, coma o Minho Reggae, por exemplo, foi outra das posibilidades baralladas durante a reunión.
O cuarto e último Focus Group terá lugar o día 5 de decembro, ás 10.30 horas (hora galega) na Casa da Cultura, sobre “Desenvolvemento económico”.
O programa metodolóxico destes encontros ou “focus group” desembocará na celebración das I Xornadas Amizade Cerveira-Tomiño, no vindeiro mes de febreiro.