«En canto aos aspectos legais utilizados para defender o desenvolvemento de Porto Cabral, a Marea de Vigo considera que, por unha banda, a mencionada lei 3/2016 non permite determinadas actuacións como recalificacións de solo, neste caso, a conversión dun solo rústico á urbano consolidado para un uso comercial», explica Rubén Pérez, voceiro da Marea de Vigo.
«Pola outra, a vía da supramunicipalidade non se pode tomar, posto que non estamos falando dun centro de interese público e utilidade social, como podería ser unha universidade ou mesmo un hospital, senón dun centro comercial e de ocio, polo tanto, se isto acontecese, habería que denuncialo inmediatamente na fiscalía”, engade.
Para Pérez a única opción posible «é na redacción dun novo plan, plan que por outra parte, debe estar sometido a unha avaliación ambiental estratéxica, na que Porto Cabral non tería cabida».
«De feito non ten cabida nin desde o punto de vista ambiental, nin económico nin coherente coas necesidades que pode ter Vigo. Exemplo disto aconteceu en cidades como Zaragoza, con Porto Venecia (proxecto irmán de Porto Cabral) onde a Cámara de Comercio xa recoñeceu que se destruíron máis de 1.000 postos de traballo no comercio local de proximidade da cidade, cuestión que parece obviar o presidente da asociación de comerciantes e hostaleiros da Zona Náutico, cando asina un convenio coa empresa promotora de Porto Cabral, que, a todas luces, prexudica ao comercio local, promovendo supostamente o desprazamento dos visitantes entre a zona náutico e Cabral, dito noutras palabras: privando ao resto do comercio da cidade (onde existen mais dunha vintena de asociacións de comerciantes consolidadas) das visitas de potenciais clientes», explica o voceiro.
O grupo municipal tamén cuestiona as afirmacións que «parece facer a entidade inversora sobre os terreos cando afirma que ten un acordo cos propietarios, debería especificar a quen se refire, posto que se trata dunha comunidade de montes cuxa asemblea xa votou “non” á venda dos terreos. Quizais entón se estea referindo unicamente á Directiva de dita Comunidade de Montes, que nunca cesou no seu intento por vender o monte para este proxecto».