O segundo tenente de alcalde, David Regades, recibiu a validación este mércores no transcurso dunha reunión no Ministerio de Fomento con responsables da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible, Edusi. A aprobación lograda hoxe polo Concello é o paso previo á licitación dos proxectos de obra recollidos na proposta presentada por Vigo e que conseguiu 15 millóns de euros de financiamento de fondos Feder e 3,75 millóns de euros de achega municipal.
O Concello presentou á estratexia Edusi varias actuacións contempladas no programa Vigo Vertical que se ven agora ratificadas. É o caso das cintas transportadoras da Gran Vía, as escaleiras mecánicas de Abeleira Menéndez, o proxecto de ascensor da Praza de Isabel a Católica e a comunicación vertical das rúas Marqués de Valterra e Juan Ramón Jiménez. Con estes proxectos o Concello mellorará a accesibilidade e mobilidade da cidadanía.
«Estamos, polo tanto, ante un paso máis na consecución dos obxectivos do programa Vigo Vertical que transformará a cidade e a forma de comunicación da sociedade viguesa», destacou o Concello.