Esta semana, o delegado territorial da Xunta e presidente do CCVV, Ignacio López-Chaves, firmou o contrato de aluguer deste novo baixo comercial que se atopa no número 5 da rúa Ferrería. A actividade que se desenrolará no mesmo será para comercio de produtos alimenticios ao por maior e detalle, lugar de encontro de novos clientes e punto físico de distribución de mercancías. A superficie útil do local é de 17,87 m2 e terá unha renda mensual duns 122 euros. Ademais, a persoa que aluga o baixo é residente na zona nun dos inmobles tamén rehabilitados polo Consorcio. Neste mesmo inmoble xa ten actividade empresarial o taller de costura, Cose que te cose.
Este novo baixo comercial alugado ven a sumarse aos máis de 22 locais rehabilitados polo CCVV nos últimos anos e que xa contan con actividade empresarial na zona alta do casco histórico.
Proposta Vigués Distinguido
O presidente do CCVV quixo tamén agradecer a proposta feita dende o ámbito municipal para que o Consorcio Casco Vello de Vigo teña o recoñecemento de Vigués Distinguido.
Á espera de que a proposta sexa ratificada en sesión plenaria da Corporación municipal viguesa, López-Chaves quixo gabar o traballo feito polo organismo dende a súa creación no ano 2005 posto que nestes últimos 11 anos uníronse esforzos de diferentes administracións para rehabilitar o ARI do Casco Vello de Vigo seguindo o previsto no PEPRI e a través da adquisición de terreos e de inmobles para lograr o obxectivo último da rehabilitación de inmobles e do medio urbano.
Dende o seu inicio, o Consorcio Casco Vello de Vigo leva rehabilitadas 99 vivendas e 27 locais comerciais onde residen xa máis de 150 persoas ademais de abrir os seus negocios novos emprendedores. E as actuacións continúan neste ano 2017 con novas obras de rehabilitación en Subida ao Castelo 12, Subida a Costa 5, Ferraría 8, Cruz Verde 8 e Cruz Verde 12 sen esquecer tamén as previstas para a Ribeira do Berbés coa adquisición de novos inmobles para rehabilitar.