Dende a central nacionalista denuncian que a cadea de supermercados rescindiulles o contrato a sete traballadores nas últimas semanas -para o que botou man da reforma laboral do PP- co obxectivo de desfacerse do persoal fixo, aumentando así a precariedade.
O persoal de Eroski volverá a mobilizarse ás portas de distintos establecementos da marca para rexeitar a vaga de despedimentos das últimas semanas. «En concreto, a empresa vasca de distribución vén de rescindirlle o contrato a sete traballadores fixo e con antigüidade na compañía para substituílos por persoal eventual», informa a CIG.
“Aplican a reforma laboral do PP para desfacerse dos empregados con máis tempo na empresa para seguir a contratar traballadores a tempo parcial, aumentando así a precariedade e pagando salarios de miseria”, indican dende a federación de Servizos da central nacionalista. Diante disto, reclámanlle á empresa que dea marcha atrás e readmita a todos os traballadores despedidos.
Para iso, as centrais CIG, CGT e UGT convocan unha serie de concentracións ás portas de distintos supermercados da cidade. A primeira delas terá lugar este martes 21 no supermercado Familia de San Andrés de Comesaña de 11.00 a 13.00 horas; a continuación, o venres 24, trasladarán as protestas ao Eroski de Mos, tamén de 11.00 a 13.00 horas; a última mobilización está fixada para o vindeiro venres 31 de marzo no economato de Citroën, no barrio de Coia, entre as 11.00 e as 13.00 horas.