As 10 da mañá abriranse os obradoiros onde diferentes profesionais formarán aos asistentes en reanimación cardiopulmonar, un en adultos e outro en nenos e en bebés, onde se ensinarán as pautas de actuación ante unha parada cardíaca e o protocolo de reanimación, realizando unha parte práctica con bonecos de reanimación.
Tamén haberá outro obradoiro onde se abordarán como responder ante un atragantamento, mostrando como desostruír a vía aérea e as manobras a realizar, diferenciando por idades, e explicarase que é e para que se utiliza a Posición Lateral de Seguridade.
Ademais informarán das actuacións que se deben realizar ante un incidente ou accidente de alcance sanitario, que hai que realizar antes da chegada dos profesionais sanitarios e explicarán como funcionan os teléfonos de emerxencias, como chamar, como aportar información do lugar, información do sucedido, como axudar ás equipas de emerxencia a atopar o lugar, que facer ou preparar mentres esperamos.
Poderase visitar o interior dunha ambulancia, o interior do Bus de formación do Grupo Ambuiberica e os membros de Escudería Surco ensinarán como se realizan os primeiros auxilios en automobilismo de competición.
Para os máis cativos realizarase un obradoiro de debuxo e unha xincana de reanimación cardiopulmonar, onde se examinarán as habilidades aprendidas polos rapaces á hora de identificar a unha persoa inconsciente, en parada cardiorespiratoria, a solicitude de axuda e as manobras de reanimación.
Durante toda a xornada os asistentes poderán comprobar a súa tensión arterial e o nivel de azucre. Os asistentes recibirán unha especie de pasaporte que irán selando segundo pasan polos diferentes obradoiros e ao remate seralle entregado un diploma.
Nesta xordana colaboran Protección Civil de Redondela, a Academia Galega de Seguridade Pública, Escudería Surco, o Grupo Ambuiberica e o Centro de Formación Vigen de San Lorenzo.