Carmela Silva resumiu os principais eixos de promoción da provincia de Pontevedra durante este ano 2017 e encadrada baixo o lema “Rías Baixas, moito por descubrir. Por moitas razóns”: os Festivais Rías Baixas, unha referencia cultural e musical xa consolidade e cunha grande proxección nacional e internacional; os seis camiños que discorren pola provincia de Pontevedra cara Compostela, o Camiño da Costa, o Camiño Portugués tradicional, a Vía da Prata, o Camiño de Inverno, a Ruta do Mar de Arousa e o Río Ulla e a Ruta do Pai Sarmiento; e o enoturismo, da man de Cambados, nomeada este ano Cidade Europea do Viño. Tamén engadiu a Presidenta da Deputación que “son moitas as razóns para visitar Rías Baixas pero sería preciso unha rolda de prensa diaria para dar a coñecer todos os atractivos turísticos desta terra tocada polos deuses”.
A presentación do destino estivo vertebrada arredor dos propios eixos promocionais, comezando polos Festivais, continuando co enoturismo da man de Cambados e rematando cos camiños que pasan pola provincia de Pontevedra cara compostela. Así tomaron a palabra os representantes dos Festivais Rías Baixas, Jordi Lauren e Carlos Domínguez, que enxalzaron a complementariedade dos festivais, que “nen comparten datas nin público nin estilos musicais” e convidaron aos asistentes a “vir e gozar dunha ampla oferta que se estende de xuño a setembro e vai máis alá da música, complementándose co deporte, coa natureza e coa gastronomía”. Tanto Lauren como Domínguez remarcaron que o pasado ano os Festivais Rías Baixas supuxeron 26 millóns de € de impacto económico e un público asistente de 200.000 persoas “que están a contribuír a transmitir unha imaxe diferente do territorio e a posicionarnos nun mundo tan competitivo como no que vivimos”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, tivo a oportunidade de trasladar ao público asistente os principais atractivos do seu concello, Cidade Europea do Viño 2017, remarcando a tradición vitivinícola que se soubo converter “nun reclamo turístico moi propio da vila”. De feito, Abal mencionou á Festa do Viño Albariño, “que este ano celebrará o seu 65 aniversario” e as máis de cen actividades que se están a organizar en Cambados con motivo do nomeamento da vila como Cidade Europea do Viño.
E en canto aos camiños, a Presidenta fixo un percorrido polas seis rutas que transcurren cara Compostela invitando aos asistentes a “viaxar cara a nosa terra” da man da música de Teo Cardalda, que interpretou a peza musical promocional do destino Rías Baixas en directo.
Para rematar, Carmela Silva fixo un percorrido por todos os recursos turísticos da provincia de Pontevedra, recordando dende o patrimonio cultural, ata a paisaxe, coas nosas rías e ríos, o mar e os parques nacionais; as vilas mariñeiras; a gastronomía e a enoloxía; as sendas fluviais; os xacementos arqueolóxicos, arquitectura e conxuntos históricos; as festas e festivais musicais e cinematográficos; ou os museos. Razóns, todas elas, “para que veñan ás Rías Baixas”.
A presentación do destino Rías Baixas en Madrid contou cunha cámara 360º que gravou todo o que estaba acontecendo na sede da SGAE. Amais, as persoas asistentes tamén tiveron á súa disposición gafas de realidade virtual coa finalidade de que puidesen coñecer en tres dimensións os principais recursos turísticos da provincia de Pontevedra.