«A estas alturas e a falta das reservas de última hora e do factor tempo, que pode influír tamén nesta porcentaxe, agardamos –tal e como manifestou Silva- a mellor Semana Santa dos últimos anos, cunha ocupación que se situará no 75% en hoteis e no 66% nos establecementos de turismo rural das Rías Baixas”. Amais, a Presidenta provincial engadiu que “a día de hoxe o portal de reservas de Internet “booking” pon de manifesto que Rías Baixas ten xa o 73% das prazas reservadas que se corresponden, na súa maioría, con persoas procedentes da nosa comunidade, de Madrid e de Portugal”.
Por comarcas, Turismo Rías Baixas estima que será Caldas, co 80%, a comarca coa maior porcentaxe de ocupación, seguida do Salnés, Pontevedra e Vigo que agardan superar o 75%. Máis polo miúdo localidades como Sanxenxo ten xa, segundo booking, máis do 85% das prazas reservadas, O Grove agarda rozar o cheo, ó igual que Vilagarcía, e vilas como Cambados ten xa o 75% das prazas reservadas.
No caso de Pontevedra, a capital estará ao menos ata o día 12 co 100% de ocupación debido, tal e como subliñou Carmela Silva, “ao Campionato de España de Natación que incluso tivo que desprazar a xente a establecementos de Poio e doutros puntos da comarca”.
Pola súa banda, a comarca de Vigo tamén agarda superar o 75% da ocupación hoteleira. En concreto, a cidade agarda superar o 80% e ata rozar o 100% nos días festivos motivado, en palabras da Presidenta da Deputación, pola celebración do partido europeo do Celta contra o Genk. No caso de Baiona, o sector agarda unha ocupación de preto do 85%, datos que se corresponden tamén co portal de reservas de booking, que sinala que xa están o 85% das reservas realizadas na localidade.
En comarcas como O Morrazo, Turismo Rías Baixas estima unha ocupación do 70%, no Deza e Tabeirós-Terra de Montes agardamos o 60% de ocupación, no Condado e A Pardanta superarase o 55% e no Baixo Miño a ocupación rondará o 50%.
No que respecta ó turismo rural, a Presidenta da Deputación de Pontevedra manifestou que “agardamos superar o 66% nas Rías Baixas, rozando o cheo en localidades do Morrazo, o 85% no Baixo Miño, o 80% en Caldas e Vigo, o 62% no Salnés, rozando o 60% no Condado e na Paradanta, superando o 42% en Pontevedra e chegando ó 30% en Deza e Tabeirós-Terra de Montes”.
Carmela Silva tamén deu a coñecer as oficinas de turismo que estarán en funcionamento esta Semana Santa. Así, estarán abertas as oficinas de Turismo Rías Baixas de Pontevedra, no Palacete das Mendoza, do Aeroporto de Peinador e do Mosteiro de Armenteira. Tamén as xestionadas polos propios concellos de Vilagarcía, Cambados, Vilanova de Arousa, Sanxenxo, as dúas de Poio, Cangas e Cuntis. Amais, tal e como informou a Presidenta provincial, “haberá persoal da Deputación de Pontevedra encargado de atender ás e ós turistas nas oficinas de Baiona, A Guarda, O Grove, Tui, Redondela, Caldas de Reis e A Illa de Arousa”.
Durante estes meses a Deputación de Pontevedra “liderou –segundo indicou Silva- numerosas actuacións para captar un maior número de turistas, promovendo e potenciando actividades co obxectivo de fomentar e desenvolver o turismo na nosa provincia, mellorando a nosa imaxe turística e transmitindo un novo modelo de promover o noso destino”. En concreto, a Presidenta da institución provincial resumiu as accións realizadas desde Fitur, da man do Camiño Portugués pola Costa que a través da etiqueta #RiasBaixasWay acadou unha audiencia total en Twitter de máis de 300.000 persoas e case 2 millóns de impresións e en Facebook alcanzaron a 150.000 persoas, ata a presentación da campaña, a Gala de Turismo e a promoción realizada esta semana en Madrid cun grande impacto en redes sociais. Ao respecto, Carmela Silva destacou que “aínda non pasaron 24 horas dende a presentación en Madrid e xa podemos falar de grande éxito nas redes, con 800 tuits e unha audiencia de case medio millón de persoas que supoñen 3,4 millóns de impresións na rede, espallando por todo o territorio nacional o moito que Rías Baixas ten por descubrir”.
A Presidenta da Deputación de Pontevedra fixo tamén balance da repercusión mediática da presentación do destino en Madrid, na sede da SGAE, ata a que se desprazaron vinte medios de comunicación especializada e xeneralista entre os que destacou “Guia Maxim, Hola Viajes, Sobremesa, Viajeros, El País ou RNE, amais dunha decena de medios dixitais como Minube”. En canto aos turoperadores e axencias especializadas, Silva afirmou que acudiron ata a presentación do destino unha trintena de empresas entre as que se atopaba Iberia, Alemania Travel, Sucess Travel ou España Vision.
Xa de cara ao verán, Carmela Silva adiantou que están en marcha novas accións promocionais do destino Rías Baixas, como as que en maio se desenvolverán en Lisboa e Porto, así como a través dos centros de Galicia en países como Francia, Brasil ou Arxentina.