Na rolda de prensa deste luns, Abel Caballero salientou o «interese cultural e cidadá» das actividades programadas pola Fundación Carlos Casares e o Concello de Vigo. Caballero definiu a Casares como un «gran escritor, gran literato, magnífico amigo e gran vigués» e subliñou a cooperación coa Fundación para recuperar a súa figura e a súa obra.
Xunto ao alcalde de Vigo, o acto de presentación deste luns na Alcaldía contou coa presenza de Xavier Casares e Gustavo Garrido, presidente e secretario respectivamente da Fundación, e de Rexina Vega, escritora e profesora da Universidade de Vigo, encargada de moderar a Mesa Redonda «A Muller na Obra de Carlos Casares» coa que comeza o programa.
Os organizadores abrirán o 8 de maio a mostra «O Principiño ao redor do mundo. A colección de Carlos Casares», na Casa Galega da Cultura, e o 10 de maio se celebrará o Café Voltaire – O Sabor das Letras: «Carlos Casares e Gastronomía», ás 20 horas no restaurante do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO)
O 20 de maio ás 12:30h, a Biblioteca Central Juan Compañel acollerá o Faladoiro para cativos e maiores sobre Carlos Casares. O máis salientable da programación ata o momento péchase con dúas exposicións máis: «Carlos Casares e a Fotografía», desde o 31 de xullo na Casa Galega da Cultura, e «Os mundos de Carlos Casares», a partir do 18 de setembro na Casa das Artes.