O Xoves e o Venres Santo foron días de máxima afluencia en Baiona e as prazas hoteleiras colgaron o cartel de completo ao chegar ao 100% de ocupación. Segundo os datos dos establecementos da Vila, entre o venres 7 de abril e o domingo 16, a ocupación hoteleira rondou una media do 75 por cento e en lugares de referencia como o Parador de Baiona o cheo foi total os días 13 e 14.
Ademais, o sector percibiu un importante incremento dos peregrinos grazas ao Camiño Portugués pola Costa que cruza o Casco Histórico de Baiona.
“Baiona é un destino de referencia para pasar a Semana Santa, así o demostra a ocupación hoteleira que logrou cifras do 100% tanto o Xoves como o Venres Santo. A perfecta combinación de actividades de ocio e bo tempo fixeron que a nosa Vila lucise repleta nunha Semana Santa coas mellores cifras dos últimos anos”, apuntou Beatriz González, concelleira de Turismo.
Segundo os datos da Oficina de Turismo, a máxima afluencia coincidiu tamén no Xoves e Venres Santo, sendo o 90% turistas nacionais. Recibíronse visitantes de todas as comunidades autónomas, a excepción de Baleares e da cidade autónoma de Ceuta. Por comunidades autónomas destacaron Madrid, País Vasco, Galicia, Castela-Léon e Cataluña. Por procedencia internacional, a visitas chegaron principalmente de Portugal, Francia e Alemaña.
O Concello de Baiona organizou tres visitas guiadas ás que acudiron 134 persoas procedentes de Galicia, País Vasco, Castela-León, Madrid, Castela-Mancha e Cantabria. Respecto aos peregrinos rexistrados na Oficina de Turismo, foron un total de 56, procedentes de Irlanda, Portugal, Alemaña, Hungría, Estados Unidos, Holanda, República Checa e España, mentres que os españois procedían de Vigo, Pontevedra, Segovia, Barcelona e Málaga.
“A nosa constante aposta pola calidade fai que non só cheguen novos visitantes a Baiona se non que aqueles que xa nos coñecen volvan a elixir Baiona como destino vacacional”, engadiu a concelleira Beatriz González.