Abel Caballero informou este martes da aprobación por parte da Xunta de Goberno Local do procedemento aberto para a contratación das obras de mellora da accesibilidade peonil entre a Porta do Sol e a rúa Abeleira Menéndez, é dicir, a segunda fase das escaleiras mecánicas de subida desde a rúa Segunda República ata o Concello, que conta cun orzamento de 1.009.000 euros.
A instalación dun novo tramo de escaleiras mecánicas supoñerá a continuación da mellora iniciada no primeiro tramo, permite salvar o desnivel existente e dispón dun prazo de execución de cinco meses.
Ademais, Abel Caballero deu conta do inicio dos traballos de estudo previos á construción do túnel que permitirá crear unha gran praza peonil na Porta do Sol. Nestes momentos, están acometéndose as sondaxes coas que se extraen mostras do subsolo para comprobar a súa composición. Segundo explicou, a obra creará un túnel na primeira planta do aparcamento subterráneo actual da Porta do Sol e a súa cuberta conformará a nova «gran praza» da cidade.
Ampliación do Ifevi
O alcalde explicou que o Concello vén de comunicarlle ao Padroado do Ifevi que ten avanzado o procedemento para asinar o convenio de cesión do solo, que lle permitirá ao Recinto Feiral realizar a súa ampliación. O goberno municipal acometerá a expropiación e pagará os terreos necesarios para a obra que Caballero considera «imprescindible» para que Conxemar siga celebrándose en Vigo. Tamén puxo en valor o uso futuro do espazo ampliado como sala de concertos con capacidade para acoller ata 4.000 persoas e que, nestes momentos, falta na cidade.