O rexedor cualificou este martes como a «crónica dun éxito anunciado» a edición do libro Vigo: a man da xente, un relato curto de Carlos Casares, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Na presentación, Caballero manifestou o seu entusiasmo co proxecto, de grande valor artístico, no que destacou a calidade das ilustracións, obra de Gloria García, unha ilustradora moi nova, que tamén estivo presente na rolda de prensa.
O director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, agradeceu a colaboración ao Concello de Vigo porque permitirá que 9.000 familias viguesas conten con este libro na súa casa a través dos alumnos da ESO entre os que se distribuirá nos distintos centros educativos da cidade. Pola súa banda, Gustavo Garrido, explicou que o texto, case inédito, sobre a historia da cidade foi asinado polo autor en 2001.