«Unha das medidas que se poderían tomar desde o ámbito do Concello, entendendo que non se pode usar o superávit para elo, é comezar a consignar recursos económicos no capítulo de investimentos para os orzamentos do 2018, no lugar das humanizacións, que si que poden ser financiadas a través do superávit», sinalan dende Marea de Vigo.
«Por exemplo, o millón de euros que se consignou para a grada de Balaídos (que podería ter saído do superávit) podería terse consignado para a construción de escolas infantís», explica a concelleira Marga L. Barreiro. A edil do grupo municipal da Marea de Vigo incide en que “non é comprensible que nos 55 millóns de euros que, segundo o alcalde existen para os investimentos que están en marcha neste 2017, non haxa espazo para a construción de escolas infantís”.
Segundo Marea de Vigo, asociacións como Foanpas xa teñen feito estudos sobre as necesidades de Vigo en canto a escolas infantís e zonificación, e, entre as conclusións que teñen sacado, os lugares onde hai máis demanda son Bouzas, Navia- Coia, Lavadores-Calvario, Valadares ou mesmo o centro, alén do Casco Vello, onde non existe ningunha opción de escola infantil pública.
Desde a Marea de Vigo insisten en que, máis aló das responsabilidades que ten a Xunta por cuestións competenciais en materia de educación, “o Concello ten a capacidade e posibilidade de paliar algunhas das carencias que existen en materia de equipamento educativo e así debería actuar”.