Os outros catro corredores que defenderon con éxito os seus maillots de campións de Galicia foron Carlos Canal (Academia Postal – Actyon) e Carla Fernández (Marín – Ottoman) en cadetes, Martín Bouzas (Supermercados Froiz) nos sub23, e Javier de la Fuente (Norinver) nos masters-50. No resto de categorías hai novos dominadores autonómicos: Guillermo García (Bathco) e Andrea Tomé (Cidade de Lugo – Esturión) en juniors, Paula Sanmartín (Bioracer) nas sub23, Rubén Fernández (Norinver) nos masters-30, Isabel Picoaga (7Voltas) nas mulleres masters, Jose Carlos Abella (Betanzos) nos masters-40 e Valeriano Carrera (De La Fuente) nos masters-60.
A Fundación ADO Moure Pro-Deporte, o Club Ciclista Ourensano e a Federación Galega de Ciclismo organizaron unha cita que reuniu a 280 participantes. O percorrido polas estradas de Baños de Molgas era diferente ao do 2016. Tratábase dun trazado de 11,4 quilómetros en constante ascensión.
Nese esixente escenario Aser Estévez amosouse intratable. Detendo o cronómetro en 17 minutos e 11 segundos, o corredor da Guarda aventaxou en 38 segundos ao elite cántabro Diego Tirilonte (Club Ciclista Rías Baixas) e en 43” ao vencedor sub-23 Martín Bouzas.
“Había que ir a tope dende o principio, sen cometer un so erro, e estaba claro que se ía decidir na última subida. Regulei moi ben e gardei un punto de forza para o final. Estou moi satisfeito e é unha vitoria moi merecida despois do accidente que tiven adestrando”, apuntou o ciclista do Cortizo- Anova, que no podio elite estivo acompañado polo seu compañeiro de equipo Samuel Rodríguez, segundo clasificado, e por Rodrigo Enríquez (Club Ciclista Rías Baixas), terceiro. Nos sub23 dous corredores do Club Ciclista Rías Baixas escoltaron a Bouzas, Diego González e Raúl González, segundo e terceiro respectivamente.
A diferencia entre as dúas primeiras na competición elite feminina foi ínfima. María José Gómez firmou un rexistro de 22:17:13 e María Jesús Barros de 22:17:24. A representante do Cambre – Caeiro conseguiu deste xeito o seu primeiro título elite: “Foi moi axustado e faime moitísima ilusión. Viña a pola vitoria e a semana pasada achegueime ata aquí para coñecer o percorrido. Era moi duro e bastante técnico”. A terceira praza ocupouna Lucía Vázquez (Prorebordosa). Pola súa banda nas sub23, Sanmartín impúxose a Lorena Sanín (Cidade de Lugo – Esturión) e o bronce correspondeulle a Claudia Portela (Escola de Ciclismo Redondela).
Na cerimonia de entrega de medallas e maillots estiveron presentes Manuel Pérez, da Secretaría Xeral de Deportes da Xunta de Galicia; José Manuel Rodríguez, xerente de Inorde; Xaime Iglesias, alcalde de Baños de Molgas; Carlos Moure, presidente da Fundación ADO Moure Pro-Deporte e do Club Ciclista Ourensano; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo. A próxima cita do calendario de estrada en Galicia será a Volta á Provincia da Coruña Elite e Sub23 que arranca este venres.