Abel Caballero participou este luns na homenaxe a Antía Cal e Valentín Paz Andrade que darán nome a dúas aulas da Escola Universitaria de Estudos Empresariais de Vigo. Falamos, dixo o alcalde antes do descubrimento das placas, de «figuras revolucionarias» de gran importancia na empresa e no ensino en Galicia. Referíndose a Antía Cal, destacou o compromiso e a dignidade das mestras, «non sempre recoñecidas desde os ámbitos oficiais, pero sempre admiradas desde o pobo» e destacou especialmente o bo funcionamento desde o seu inicio da Escola Rosalía de Castro. Respecto ao empresario galeguista Valentín Paz Andrade, asegurou que aprendeu moito del a través do seu fillo -Alfonso- presente no acto. Asegurou que Valentín dedicouse sempre a traballar pola empresa e pola modernidade, ademais de impulsar o galeguismo. Foi pioneiro, dixo, en entender Galicia vista desde Vigo.
Na súa intervención aludiu á Escola de Empresariais cualificándoa como un espazo con moito simbolismo en Galicia porque nel arrancou o centro de formación para crear empresas modernas. Foron tamén pioneiros en entender Vigo, Galicia, a investigación e o galeguismo.
No acto estiveron presentes, ademais de Antía Cal e Alfonso Paz Andrade, o secretario de Política Lingüística, Valentín García, así como a directora do centro, Consuelo Currás Valle. O xornalista Eduardo Rolland foi o encargado de ler unhas glosas sobre os homenaxeados.