A humanización da rúa Cidade de Vigo quedou rematada esta mesma semana co pintado e sinalización despois de que en días anteriores fora instalado o mobiliario urbano e as zonas verdes, así como os novos colectores do lixo.
“A renovación da rúa era moi importante para o municipio por ser unha das vías principais de saída e con esta actuación sumaremos outros 2.044 m2 humanizados aos que posteriormente haberá que engadir o das rúas Laureano Salgado e Marqués de Quintanar”, apuntou o alcalde, Ángel Rodal, durante a visita realizada este mércores á rúa Cidade de Vigo xunto ao seu equipo de goberno e os responsables da reforma.
O orzamento da execución das obras ascendeu a 616.606 euros, pero o custe das obras non supuxo ningún gasto a maiores para o Concello ao estar asumido pola nova empresa adxudicataria do servizo de abastecemento da auga, Gestagua.
As obras inclúen a renovación de redes de abastecemento e acometidas domiciliarias, renovación da rede de abastecemento do Parador de Turismo; instalación de rede de pluviais e de acometidas a edificios e sumidoiros; renovación da rede de alumeado público, pasando a instalar iluminación led; renovación e ampliación das redes de electricidade de Fenosa; instalación de rego e xardinería; adecuación das instalacións de telecomunicacións e gas; colocación de equipamento e mobiliario urbano; repavimentación da rúa e sinalización.
Este martes xa comezaron tamén os traballos na rúa Laureano Salgado co fresado do asfalto e a zona quedou por tanto pechada ao tráfico. O prazo de execución da obra é de catro meses. Polo momento queda aberta á circulación a rúa Carabela Pinta para facilitar a mobilidade dos veciños, comerciantes e transporte de mercadorías.