A Praza do Concello acolleu aos mozos que participaron activamente neste programa impulsado polo servizo de Cohesión Social e Xuventude da institución provincial. “DepoRuarte 2017” ten por obxectivos ofertar actividades de música, baile e pintura urbana para a mocidade da provincia.
A mocidade practicou diferentes modalidades artísticas enmarcadas en MusicArte, UrbanArte e CreArte. Máis polo miúdo, MusicArte ofreceu tres obradoiros relacionados coa creación músical. O primeiro deles, breakdance, estivo centrado no ensino e aprendizaxe das técnicas deste estilo de baile urbano; o segundo, turntablism DJ vertebrou arredor do movemento que realizan os DJ de Hip-Hop cos vinilos ata adiante e atrás para crear composicións sonoras; e o terceiro, o beatbox, consistiu na creación de música coa boca.
Pola súa banda, a través de UrbanArte ofreceuse un obradoiro para a creación e elaboración de pinturas coa base dos grafitti e as mozas e mozos que asistiron a CreArte pudieron personalizar as súas gorras mediante debuxos elaborados na parte frontal das mesmas.
A segunda edición de “DepoRuarte” inclúe unha serie de novidades, como agrupar todos os obradoiros nunha mesma xornada, para facelo máis atractivo para a mocidade. Amais, por vez primeira, o programa ten un compoñente inclusivo, abrindo a participación a mozas e mozos e monitoras e monitores con diversidade funcional.
Tras o seu paso por Nigrán, o programa recalará o vindeiro 24 de xuño, entre as 17 e as 20 horas, en Marín e continuará os vindeiros meses, entre outros concellos, na Estrada, Silleda, Caldas, Vilagarcía de Arousa, Poio, Mondariz, O Porriño e Tui.