O segmento de natación –a temperatura da auga estaba a 25 gradosfoi moi duro, con moitos golpes, pero Serrat logrou saír no primeiro grupo formado por 28 triatletas, e así, na T-1, meteuse en cabeza de carreira. A bicicleta foi moi esixente e técnica, con esas subidas á Costa da Vega, e nas primeiras voltas o vigués estaba sempre nos primeiros postos, moi atento a posibles ataques. Pero a falta de dúas voltas, houbo un ataque e formouse en cabeza un grupo de cinco triatletas que logrou chegar á T-2 cunha distancia duns 20 segundos sobre Antonio que, na carreira a pe, pagou un pouco o esforzo da bicicleta e sufriu un pouco nestes dez duros quilómetros. Aínda así, e arroupado polo público que acompañou aos triatletas e de forma moi especial aos locais, Antonio logrou rematar nesa magnífico oitava posición, sendo o mellor dos triatletas españois presentes. Con este resultado, Antonio acada a clasificación para o Campionato de Europa Distancia Sprint e o Europeo de Distancia Olímpica.
Pola súa banda, Uxío Abuín (Olímpico de Vedra) chegou a meta na 22ª posición. O galego sufriu moito na natación e perdeu uns 20 segundos, que significaron que non entrase no primeiro grupo de bicicleta e xa non puido enlazar coas primeiras posicións. O podio da Copa do Mundo de Madrid quedou formado por Ryan Sissons (Nova Zelanda) que foi o vencedor cun tempo de 01:53:00; a segunda posición foi para Raphael Montoya (01:53:08) e o bronce para Simón Viain (01:53:16).
Na carreira feminina, Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) rematou na 14ª posición, mentres que a súa irmá Melina foi 38ª. Na natación formouse un grupo en cabeza formado por especialistas no que se atopaban as españolas Carolina Routier e Sara Pérez. Camila entrou no segundo grupo, mentres que Melina e Joselyn xa estaban moi retrasadas e case sen opcións. Na bicicleta mantivéronse máis o menos as posicións e o primeiro grupo chegou á T-2 con 1:45 sobre Camila Alonso, que fixo unha gran carreira a pe para finalizar nunha moi digna 14ª posición. Con este resultado, a galega acadou a clasificación para o Campionato de Europa Sprint. Joselyn Brea non rematou a proba.
Clasificatorio Europeo Júnior
Iria Rodríguez (Atletismo Porriño) foi a segunda española do Clasificatorio Júnior para o Campionato de Europa, que se disputou o sábado en Madrid. A triatleta galega, que arrastraba molestias nun pe, foi sempre en cabeza, xunto a Lucía Salafranca e Ana Carvajal, e co húngara Dorka Putnoczki un pouco máis destacada. Así continuou a proba na bicicleta, con estas tres deportistas nunha durísima loita. Na carreira a pe, que Iria enfrontaba con molestias nun pe, Salafranca logrou escaparse para chegar a meta por diante da galega. Así, a primeira clasificada foi Putnockzi, segundo posto (e clasificación para o Europeo) para Lucía Salafranca (01:15:42) e terceira, Iria Rodríguez (01:16:01). Nesta mesma categoría, Inés Castaño (Arcade), foi oitava, tras sufrir un ataque de asma correndo.
En júnior masculino, Iván Anzaldo (Náutico de Narón) foi oitavo despois de facer unha gran remontada, xa que saíu na vixésima posición da auga, e foi escalando postos pouco a pouco. No caso de Marcos Ruíz (Tríatlon Ferrol) foi ao revés, de menos a máis. Trala natación era sexto clasificado, pero foise afundindo ata a 18ª posición.
Na proba youth feminina, Henar Cons (Motobike) foi décima despois de facer unha gran proba. Saíu da auga na primeira posición e tamén entraba entre as primeiras na T-2, onde sufriu un empurrón que lle fixo perder un tempo fundamental. Ao final, décima posición para a galega cun tempo de 40:12. Myriam López (Cidade de Lugo) non puido rematar.
Na youth masculina, Esteban Basanta (Cidade de Lugo Fluvial) foi o mellor de todos os galegos, ao acadar a novena posición cun tempo de 34:23, nunha actuación moi regular. Pola súa banda, Francisco Gómez (Cidade de Lugo) foi undécimo, mentres que Jorge Morado (Tríatlon Ferrol) fixo unha moi boa natación e bicicleta, aínda que se desfondou un pouco na carreira a pe, para rematar na 15ª posición. No posto 16 chegou Javier Pena (Cidade de Lugo Fluvial). Arturo Ramos (Talleres David) foi 28º, Daniel Ríos (Cidade de Lugo Fluvial), 39º; Martín Casal (Talleres David Tríatlon Compostela), 48ª. Retiráronse Jorge González (por unha caída) e Martín Cando (Cidade de Lugo Fluvial).