O evento pretende facer unha proposta transversal e ir máis aló dos concertos en directo a pé de praia. Así, a organización configurou unha oferta composta tamén por camións de comida, un mercado, sesións de Djs, obradoiros ou charlas. En definitiva, unha serie de actividades que queren debuxar un festival de cultura creativa.
Tamén se procura que o espazo xogue o seu papel fundamental. O certame celebrarase no antigo campo de fútbol de Lourido, co Atlántico e o perfil das illas Cíes de fondo, a carón de Praia América e a pé da península de Monte Lourido. Unha contorna situada no sendeiro azul que une A Ramallosa e Panxón.
Segundo resume o promotor de La 10ª Planta, Juan Rivas, «o obxectivo de Vive Nigrán é converterse durante unha fin de semana nun referente para os afeccionados á música en directo no territorio galego e todo isto nun espazo natural único que forma parte intrínseca do evento».
As primeiras cen entradas ‘bono especial dous días’ saen á venda este sábado por 10 euros a través da páxina web de Ticketea. Ademais, o festival conta con sitio online propio, onde se pode consultar toda a información relativa ao evento.