O transporte colectivo de viaxeiros é unha ferramenta imprescindible para reducir os niveis de polución nas cidades e a concesionaria do servizo en Vigo conta na súa frota cos modelos máis modernos e menos contaminantes. Actualmente, Vitrasa dispón de 55 autobuses adaptados á normativa comunitaria Euro6, que regula as emisións de gases tóxicos e partículas en suspensión dende setembro de 2015.
En menos de dous anos, renovou a súa frota ata conseguir que o 44% dos buses urbanos de Vigo conten con motores diésel de última xeración, unha cifra que sitúa á empresa na vangarda do respecto ao medio ambiente. Xa no ano 2009, cando entrara en vigor a anterior normativa Euro5, Vitras situárase como pioneira na incorporación de modelos menos
contaminantes, adaptando a súa frota con dous anos de antelación respecto á entrada en vigor da lexislación europea.
Cubos de reciclaxe en toda a frota
Para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente, Vitrasa colocou cubos de reciclaxe de envases de plástico, latas e bricks en toda a súa frota de autobuses. Esta iniciativa, dirixida a
fomentar a concienciación sobre a importancia de reciclaxe entre os usuarios do transporte público, desenvolveuse durante o 5 de xuño.
O autobús, o medio de transporte menos contaminante
A empresa seguirá incorporando novos vehículos nos próximos meses para seguir reducindo o volume de emisións contaminantes. Cómpre ter en conta que, segundo un estudo recente que recolle datos de Ecoloxistas en Acción e a Axencia Europea de Medio Ambiente, o tráfico rodado provoca o 70% das emisións de dióxido de nitroso nas cidades e cada autobús pode contribuír a eliminar a polución xerada por 50 coches particulares.
O autobús é o medio de transporte máis limpo e menos contaminante xa que tan só emite 31 g/km de CO2 por pasaxeiro e pola contra o vehículo particular emite 149 g/km de media por
pasaxeiro (case 5 veces máis), e un todoterreo, pode chegar aos 455 g/km.
Ir en bus sae máis barato
A parte das vantaxes para a saúde e o medio ambiente, o usos transporte urbano pode reportar beneficios económicos importantes para os pasaxeiros. Por poñer un exemplo, calquera
condutor que empregue o coche cada día para ir traballar dende o polígono de Navia ata o centro de Vigo (sobre 9 Km de distancia) afronta un gasto diario de 7,20 euros só para completar o traxecto de ida e volta dúas veces. En total, ao mes serían 165,60 euros aos que habería que sumar o custo do aluguer dunha praza de garaxe, que pode roldar de media os 100 euros. Coa tarifa normal da Tarxeta Verde de Vitrasa, o prezo do mesmo percorrido podería facerse por 87 euros ao mes, aforrando máis de 180 euros mensuais.
O transporte público crece en Vigo
Cada vez son máis os vigueses que comproban as vantaxes de utilizar o autobús urbano. En marzo de 2017, 1.908.413 viaxeiros elixiron Vitrasa para moverse pola cidade, unha cifra que representa un aumento de máis do 10% respecto ao mesmo mes do ano anterior e que é un reflexo do que está a acontecer no conxunto do Estado. De acordo cos últimos datos do INE, o uso do transporte urbano aumentou un 14% nas principais áreas metropolitanas de España e en Galicia o incremento foi do 9,6% no pasado mes de marzo. Cada viaxeiro que elixe o bus e deixa o coche na casa está a realizar unha contribución moi importante, aínda que sexa pequena, a reducir a polución na cidade.