O convenio de colaboración ofrecerá durante dous anos oportunidades de formación para os participantes no programa. Trátase dunha iniciativa baseada no emprego con apoio e centrada na orientación e o acompañamento para a inserción en entornas laborais competitivas.
Este acordo permitiu o inicio das primeiras prácticas nas instalacións do centro loxístico e de distribución da editorial Galaxia. Unha colaboración que ambas entidades pretenden ampliar nos próximos meses co fin de abrir estes procesos formativos a máis persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) interesadas en mellorar as súas posibilidades no mercado laboral.
“Para a nosa editorial é crucial que se leven á práctica este tipo de colaboracións. Temos claro que só se lles damos de verdade a oportunidade de formarse como traballadores imos poder aportar algo á mellora do seu mundo e do mundo en xeral”, asegurou o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro trala sinatura do acordo.
Pola súa banda, a presidenta de TEAVi, Encarna Fernández, mostrouse “moi contenta” e confesou que a asociación sinte “orgullo” de que “unha empresa fundada en Galicia e cunha traxectoria de mais de 50 anos aposte pola colaboración con TEAVi no marco da inserción laboral”.
“Necesitamos persoas como Francisco Castro que se arrisquen sen medo e sen prexuízos na axuda formativa dos nosos rapaces e rapazas para así intentar encaixalos nun mundo laboral que, desgraciadamente, non está deseñado para eles. Grazas a editorial Galaxia por esta aposta na procura duns dereitos laborais para os nosos chicos e chicas e oxalá que isto sirva de exemplo cara o futuro para outras colaboracións”, sinalou Fernández.
O programa ‘Axúdalle a encaixar’ está aberto a colaboración con outras empresas e entidades na comarca de Vigo. Dacordo cos últimos dispoñibles de Autismo Europa referentes o ano 2015, a porcentaxe de persoas con TEA desempregadas sitúase entre o 76 e o 90%.